A Xunta destaca a importancia de contar con servizos de emerxencias ben equipados e preparados para reducir riscos ante calquera incidencia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na clausura da reunión do Consello Asesor da Fundación Inade

A Xunta colabora no funcionamento da rede de parques comarcais de bombeiros e na creación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais, ademais do importante esforzo destinado os últimos anos á mellora do equipamento dos efectivos de emerxencias dos concellos galegos
 

A Estrada (Pontevedra), 20 de abril de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na clausura da reunión do Consello Asesor da Fundación Inade, Instituto Atlántico do Seguro, onde destacou a importancia de contar con servizos de emerxencias ben equipados e formados para reducir os riscos e os danos ante calquera incidencia. Ao encontro tamén asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e ademais interviu o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo.

Alfonso Rueda sinalou a contribución das aseguradoras para garantir a seguridade económica dos seus clientes ante situacións adversas, e o papel que xogan os efectivos de emerxencias nas intervencións en sinistros que atenden estas compañías de seguros.

Por iso, a Xunta vén apoiando a ampliación da rede de parques comarcais de bombeiros e a creación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) que abarcan todo o territorio galego. O Goberno galego colabora no financiamento dos GES cun investimento de 40 millóns de euros nos últimos anos -4,8 millóns de euros neste exercicio-, e, no caso dos cinco consorcios provinciais e comarcais contraincendios e salvamento, leva destinados mais de 50 millóns de euros nos derradeiros cinco anos.

Ademais, a través de distintas liñas de axudas e convenios, a Xunta fixo un importante esforzo na mellora do equipamento dos servizos de emerxencias, con case 20 millóns de euros cedidos aos concellos galegos, tanto aos GES como ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. Pese a tratarse de competencias de ámbito local, a Administración autonómica demostra así a súa implicación no ámbito das emerxencias e apela á colaboración cos concellos e deputacións provinciais para ofrecer unha atención áxil e eficiente aos cidadáns reducindo tempos de resposta.

Os participantes no Consello Asesor da Fundación Inade tamén visitaron hoxe as instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia. Nesta liña, o vicepresidente da Xunta resaltou que a Academia é o centro de referencia para a formación das forzas de seguridade e dos profesionais de emerxencia.

No caso do CIAE 112 Galicia, Alfonso Rueda explicou que para minimizar riscos é fundamental contar con plans e programas de prevención e de emerxencias, que se planifican e coordinan neste centro, desde o que tamén se mobilizan e coordinan os efectivos e recursos precisos ante unha incidencia.
 

Imaxes relacionadas