A Xunta aposta pola actuación das comunidades autónomas e as entidades locais na cooperación internacional para o desenvolvemento

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu hoxe na subcomisión para o estudo de actualización do marco normativo e do sistema de cooperación internacional para o desenvolvemento do Congreso dos Deputados

Tamén abordou unha regulación estatal de subvencións específica aos axentes de cooperación no exterior máis áxil e flexible como recolle a Lei de Acción Exterior da Xunta

Madrid, 20 de abril de 2021

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, destacou hoxe na súa comparecencia no Congreso dos Deputados, a importancia da cooperación descentralizada realizada polas comunidades autónomas e as entidades locais, que como no caso de Galicia, conta cun importante peso das ONGD e os seus socios locais que canalizan arredor do 80% dos fondos recibidos.

Jesús Gamallo tamén incidiu na súa intervención en que este sistema debería promover a posta en marcha de iniciativas vinculadas a materias competencia exclusiva de cada comunidade na que teñen unha experiencia acumulada. En canto á Cooperación Galega, a Xunta aposta ademais pola especialización nos eidos que pode aportar un valor engadido como a pesca e a acuicultura ou a xestión dos recursos hídricos.

A educación para o desenvolvemento e a cidadanía global –sinalou- é outro dos valores engadido da cooperación descentralizada que cómpre potenciar dende a cooperación galega, tendo en conta, ademais, que a meirande parte das ONGD galegas traballan neste eido como unha das súas liñas estratéxicas.

Así, lembrou que Galicia participa de forma activa nos encontros anuais de comunidades autónomas e a cooperación para o desenvolvemento, para debater sobre os retos de futuro da cooperación descentralizada, buscando reforzar o seu valor diferencial, e sobre a necesidade de avanzar na coordinación entre os diferentes niveis de administración para dar cumprimento á Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible, que define o marco global para a promoción do desenvolvemento dos próximos anos.

Galicia mantén ademais o seu compromiso na coordinación coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e coas comunidades no eido da acción humanitaria, a través da subscrición dos convenios, como é o caso do subscrito entre a cooperación descentralizada e a AECID para a acción conxunta e coordinada en materia de acción humanitaria.

Lei de Acción Exterior

Por outra parte, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE sinalou a importancia neste ámbito da Lei 10/2021 do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que entrou en vigor a comezos deste mes.

O Goberno galego busca con esta norma reforzar a proxección exterior da comunidade e considera a cooperación para o desenvolvemento como ámbito principal da actividade exterior da comunidade galega mantendo o compromiso orzamentario e coa incorporación de especificidades co fin de dotar de maior axilidade de flexibilidade á xestión das subvencións aos axentes de cooperación no exterior para garantir eficiencia.

Por iso, propuxo hoxe na subcomisión unha regulación de subvencións específica neste ámbito, que funcione como una norma básica aplicable a tódalas administracións e homoxénea no que se refire aos procedementos e trámites que se lles require aos axentes de cooperación.

Imaxes relacionadas