A Xunta licita a rehabilitación integral do CEIP Xoaquín Loriga de Prado por 686.000€ no marco das primeiras actuacións do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visita o centro acompañado do alcalde de Lalín, José Crespo, e informa da apertura do proceso de contratación e da previsión de rematar estas obras antes de que conclúa este ano

A mellora inclúe o cambio de cuberta, a dotación de medidas de illamento, a renovación das carpintarías exteriores, a modernización das luminarias, obras de accesibilidade, cambio de portas, instalación de falso teito acústico e novos servizos

“Só un mes despois de que o conselleiro Román Rodríguez anunciara a obra xa a temos en licitación, o que demostra o compromiso e axilidade para seguir mellorando os centros educativos, nos que investiremos 191 M€ nesta lexislatura”, di Luis López

Lalín, 20 de abril de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de licitar na xornada de hoxe as obras de rehabilitación integral do CEIP Xoaquín Loriga, pertencente á parroquia lalinense de Prado, cun orzamento de 686.793€ e que supón unha das primeiras actuacións do pioneiro Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, aprobado o pasado mes de marzo e dotado con 191 millóns de euros para esta lexislatura.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a apertura do proceso de contratación esta mesma mañá nunha visita ao colexio acompañado polo alcalde de Lalín, José Crespo, e membros do equipo directivo do centro. Tras o seu percorrido, o representante autonómico detallou o cronograma para esta actuación, que pasa por adxudicar e iniciar as obras antes do verán co obxectivo de que estean rematadas antes de final de ano e poida estrearse no segundo trimestre do curso académico 2021/2022.

As obras constarán de dúas partes, destacando a correspondente coa eficiencia, que incluirá a demolición das cubertas de chapa sobre fibrocemento e a instalación dunha nova de panel sándwich, a colocación de manta de lá de roca sobre forxado do teito da primeira planta, a substitución das carpintarías exteriores por aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre e das persianas de aluminio con illante térmico, a colocación dun novo illamento exterior nas fachadas e a supresión das luminarias existentes para o seu troco por novas de tecnoloxía Led.

Por outra banda, as demais melloras recollidas consistirán na instalación de ramplas e medidas de accesibilidade, a adecuación de varios aseos, a execución da rede de saneamento de pluviais, a instalación de falso teito acústico nas aulas, a substitución das portas interiores e o pulido e o abrilantado do pavimento interior existente.

“Só un mes despois de que o conselleiro Román Rodríguez visitara este centro para anunciar esta importante mellora, xa a temos en licitación, o que demostra non só o compromiso que temos con Lalín e coa mellora dos centros educativos, senón tamén a axilidade nos procesos para que as obras se realicen canto antes e a comunidade educativa teña á súa disposición un centro máis confortable e eficiente”, detallou o representante autonómico.

Novo concepto de espazo educativo

Luis López explicou que este proceso de rehabilitación integral conta cun importante valor, tanto educativo como medioambiental, xa que permitirá que o colexio de Prado acade un aforro enerxético do 28% en canto a consumo e reduza un 38% as emisións de CO2, e engadiu que ademais estará adaptado “ás novas necesidades do ensino, sanitarias e tecnolóxicas propias da etapa post-covid” ao cumprir coas directrices do primeiro Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

“Galicia conta cun milleiro de colexios e institutos que deben afrontar un novo tempo e por iso dende a Xunta de Galicia imos investir 191 millóns de euros ata o horizonte do ano 2024 para dotalos de espazos máis abertos e accesibles, dende os puntos de vista físico, cognitivo e sensorial, para reforzar a súa función social e para abordar unha nova transformación dixital que os convirta en centros académicos multifuncionais, versátiles, flexibles e seguros”, rematou o delegado territorial.

Imaxes relacionadas