A Xunta concedeu máis de 60.000 euros en 21 axudas para a conservación e mellora de árbores e formacións senlleiras

Un total de 5 concellos e 11 particulares ou entidades xurídicas obtiveron incentivos para executar intervencións que garantan as condicións polas que foron declaradas como singulares

Os beneficiarios dispoñen ata o 30 de setembro para executar os traballos obxectos desta axuda da Consellería de Medio Ambiente
 

Vedra (A Coruña), 20 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fai pública hoxe a resolución de axudas ás árbores e formacións senlleiras, que este ano reparte case 60.000 euros entre cinco concellos galegos e máis dunha decena de particulares ou entidades xurídicas. Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita ao Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, onde deu a coñecer os resultados da orde convocada polo departamento que dirixe e cuxa resolución hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

Destacou que os incentivos concedidos servirán para protexer e mellorar as condicións de 21 árbores ou formacións senlleiras, das cales 7 son propiedade de 5 concellos e 14 de 11 persoas físicas ou xurídicas.

Recordou que a liña de axudas -que hoxe se resolve- establecía unha partida dirixida aos concellos e -que neste caso concreto- beneficia aos municipios de Silleda, Porriño, Vilariño de Conso, Ourense e Caldas de Reis; aos que se lles concede unha contía global de case 20.000 euros. A segunda partida é a dirixida aos particulares ou entidades xurídicas, entre os que se distribuirán máis de 40.000 euros.

Tal e como explicou a conselleira, este incentivos subvencionarán o custe que implica realizar podas e traballos de control de copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións de conservación e mellora da contorna e de divulgación e sinalización, así como a realización de estudos; que se poderán executar ata o 30 de setembro.

A modo de exemplo, citou a axuda por máis de 7.000 euros que se concede ao Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, para conservar os valores dun dos espazos botánicos máis impresionantes de Galicia, que tamén foi declarado como un dos xardíns de excelencia de Europa, pola Sociedade internacional da camelia.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que as árbores están no ADN de Galicia e son protagonistas indiscutibles da paisaxe, ademais dun identificador da terra galega. Engadiu que parte desta riqueza está recollida no Catálogo de árbores senlleiras, un inventario vivo que aglutina árbores e formacións singulares, polas súas características (altura, grosor, idade...), pola rareza do exemplar ou pola súa significación histórica ou cultural.

Na actualidade, están inscritos 179 elementos (141 árbores e 38 formacións arbóreas) pertencentes a 80 especies diferentes, e dese total nove exemplares (7 árbores e 2 formacións) atópanse nos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla; o que o converte nun referente da importancia do patrimonio natural que atesoura a Comunidade galega.
 

Imaxes relacionadas