O conselleiro de Sanidade asina convenios de colaboración por máis de 5,8 M€ destinados a programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos

Durante o pasado ano, estes programas beneficiaron a preto de 13.000 pacientes

Nos vindeiros días asinaranse os convenios con outras catro asociacións ata alcanzar un importe total de 6,5 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou esta mañá seis convenios de colaboración con outras tantas asociacións sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos, por un importe de 5.810.472 euros. Durante o pasado ano 2020, foron atendidas, ao abeiro destes convenios, preto de 13.000 persoas.

En concreto, as entidades destinatarias das axudas son a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga ACLAD, que recibe 1.675.458 euros; a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), con 928.435 euros; a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada de Vigo, con 1.491.986; a Cruz Vermella de Lugo, con 617.400; a Fundación Monte do Gozo, con 946.589 euros e a Asociación Érguete con 150.604 euros.

Os programas subvencionados teñen en conta os aspectos necesarios para dar resposta ás necesidades dos colectivos máis vulnerables, atendendo á perspectiva de xénero, ás necesidades específicas das mulleres que padecen este tipo de patoloxías, e darase unha resposta máis completa ás necesidades das persoas que padecen patoloxía dual.

Na actualidade, as adiccións son consideradas como unha enfermidade que require un tratamento multidisciplinar e personalizado. Ante calquera problema relacionado coas adiccións aconséllase acudir a un centro de tratamento específico directamente, ou ben solicitar axuda aos profesionais de atención primaria que avaliarán cada caso e derivarán ao centro que proceda.

No desenvolvemento destes programas, as asociacións atenderán toda a demanda xerada, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade e gratuidade na súa respectiva área de influencia. En definitiva, realizarán a atención integral aos pacientes con trastornos adictivos e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde. Estas colaboracións destacan a particular importancia e interese público do establecemento de actuacións conxuntas en materia de asistencia aos trastornos aditivos en Galicia, para acadar o tratamento, a incorporación social e a recuperación destes pacientes.

Imaxes relacionadas