A conselleira de Política Social, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o centro

Fabiola García anuncia a substitución da cuberta do CAPD de Sarria, na que a Xunta investirá preto de 400.000 euros

Trátase dunhas das obras de melloras previstas para este ano nos distintos centros de servizos sociais da Comunidade

Tamén se acometerán obras de mellora nos CAPD de Coruña e Redondela
 

Sarria (Lugo), 20 de abril de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou a substitución da cuberta do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Sarria, para o que a Xunta investirá preto de 400.000 euros. Díxoo durante unha visita realizada hoxe a este centro e na que estivo acompañada do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.

A conselleira sinalou que esta obra de mellora é unha das previstas polo Goberno galego durante este ano nos distintos centros de servizos sociais da Comunidade. No ámbito da discapacidade, apuntou que están proxectadas melloras nos CAPD da Coruña e no de Redondela, por un total de preto de catro millóns de euros.

Fabiola García asegurou que a previsión é comezar as actuacións no centro de Sarria o antes posible. As obras xa foron adxudicadas polo que tan só resta agardar á autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para iniciar os traballos.

Imaxes relacionadas