Un total de 11 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de mellora do firme na estrada PO-212 entre Rodeiro e Agolada, cun investimento de case 1,2 M€
A Xunta prevé comezar este verán os traballos, que terán un prazo de 6 meses
A actuación realizarase ao longo dos 15,6 quilómetros desta estrada autonómica coa fin de reforzar a seguridade viaria
A intervención incluirá o estendido de mestura bituminosa, a reposición da sinalización e a redución do ancho dos carrís centrais
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica para proporcionar unhas estradas seguras e eficientes
Un total de 11 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de acondicionamento do firme na estrada autonómica PO-212 entre Rodeiro e Agolada, cun investimento de case 1,2 millóns de euros.
A Xunta prevé comezar este verán os traballos, que terán un prazo de execución de seis meses.
A actuación de reforzo de firme realizarase ao longo dos 15,6 quilómetros desta estrada co obxectivo de mellorar a súa seguridade viaria e as condicións de condución.
A intervención, segundo as necesidades de cada treito, incluirá o fresado e a posterior reposición do firme con mestura bituminosa en quente, previa aplicación dunha rega de adherencia.
Tamén está previsto que en toda a vía se aplique microaglomerado en frío para minimizar o futuro desgaste da capa de rodadura e favorecer a adherencia dos vehículos.
Este contrato tamén incluirá a reposición da sinalización e a colocación de máis de 1.500 elementos de balizamento, co formato de captafaros, para incrementar a visibilidade.
Ademais o proxecto abranguerá a redución do ancho dos carrís centrais para establecer algunhas zonas intermedias cebreadas no marco das actuacións complementarias de modernización da estrada.
A Xunta continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.