Alfonso Rueda destaca a importancia do curso de especialización comunitaria TecEuropa para contribuír a unha xestión eficiente dos fondos europeos en Galicia

Máis dun cento de profesionais de entidades galegas públicas e privadas sen ánimo de lucro danse cita no curso de especialización en financiamento comunitario da Fundación Galicia Europa

Ao longo de cinco xornadas, os asistentes abordarán, da man de especialistas comunitarios e representantes da Comisión Europea, o novo Marco Financeiro Plurianual 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE”
 

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, de Galicia, inaugurou esta mañá a XII edición do curso de especialización en financiamento comunitario “TecEuropa”, da Fundación Galicia Europa, onde destacou a importancia do curso para contribuír a unha xestión eficiente dos fondos europeos en Galicia.

Durante a súa intervención, Alfonso Rueda animou aos participantes a sacar o máximo partido desta formación, na que participan máis dun cento de asistentes de entidades galegas públicas e privadas sen ánimo de lucro e ante varios representantes da Comisión Europea. Puxo en valor a celebración de cursos como TecEuropa de cara a axudar ás entidades a identificar as oportunidades de financiamento dos diferentes programas europeos e para que este coñecemento poida redundar en beneficio da comunidade galega. Unha comunidade que, como asegurou o vicepresidente, está preparada para acadar o ambicioso futuro verde e dixital proposto por la Unión Europea.

Nesta primeira e ao longo das próximas catro sesións, moderadas pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, os asistentes abordarán da man de especialistas comunitarios e representantes da Comisión, o novo Marco Financeiro Plurianual 21-27 e o instrumento temporal de recuperación “Next Generation UE”, con especial fincapé nas transicións ecolóxica e dixital e en programas europeos como Horizonte Europa.

Desde a súa posta en marcha no 2015, TecEuropa contribuíu á formación de máis de 350 profesionais e a crear e expandir unha rede galega de especialistas en xestión de fondos comunitarios, o que o levou a consolidarse como o curso galego de referencia nesta materia.
 

Imaxes relacionadas