O presidente do Goberno galego participou hoxe no Foro Next Generation Galicia Mobilidade sostible, segura e conectada

Feijóo salienta que a candidatura galega aos fondos Next Generation inclúe 32 proxectos no eido da mobilidade e un investimento público-privado de 1.800 millóns

Lembra que Galicia leva traballando desde 2009 para mellorar a mobilidade, “e cos Next Generation temos unha boa oportunidade para dar un gran impulso a este compromiso”, di

Afirma que todos os proxectos están encamiñados a seguir desenvolvendo unha nova mobilidade máis limpa, intelixente, eficiente e segura, e máis competitiva

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation inclúe 32 proxectos -11 privados e 21 públicos- no eido da mobilidade, co obxectivo de mobilizar 1.800 millóns de euros.

Durante a celebración do foro Next Generation Galicia Mobilidade sostible, segura e conectada, Feijóo lembrou que a Comunidade leva traballando desde 2009 para mellorar a mobilidade, “e cos Next Generation temos unha boa oportunidade para dar un gran impulso a este compromiso”, aseverou.

Nesta liña, afirmou que todos os proxectos están encamiñados a seguir desenvolvendo unha nova mobilidade: máis limpa, cun transporte público intermodal e coa chegada do AVE. Máis intelixente, modernizando a xestión do transporte público e as infraestruturas, de forma que se adapten ás necesidades do vehículo autónomo. Máis eficiente e segura, que procure maior protección da saúde e da integridade das persoas. E unha mobilidade máis competitiva, que aproveite o potencial dos portos e plataformas loxísticas.

Seguindo esas premisas, o titular da Xunta destacou 10 dos 21 proxectos de iniciativa pública. Todos eles liderados pola Consellería de Infraestruturas, presentados ante o Ministerio do ramo e cos que se agarda acadar un investimento de 400 millóns no fomento da mobilidade sostible e a modernización do transporte, ademais da creación de case 2.400 postos de traballo.

Entre as actuacións que contempla este grupo de proxectos, destacou: o desenvolvemento de aplicacións informáticas que permitan a xestión integral dos servizos do Transporte Público Galego; a dixitalización das estradas e das súas contornas; as novas intermodais da Coruña, Ferrol e Lugo; a construción de aparcadoiros disuasorios con puntos de recarga eléctrica; novas sendas peonís e ciclistas ou a conexión dos polígonos industriais e centros loxísticos coa Rede Transeuropea de Transporte.

Así mesmo, e no tocante aos 11 proxectos liderados desde a iniciativa privada, Feijóo referiuse ás cadeas loxísticas sostibles, enmarcadas no Polo para a Transformación de Galicia que contempla dúas liñas de actuación: unha rede de centros operativos das frotas loxísticas para vehículos propulsados a partir de pilas de hidróxeno e outros biocombustibles; e unha rede de hidroxeneras ou hubs para a distribución do hidróxeno verde.

Ademais das propostas da industria da automoción galega, como é o caso de Autoancora, unha iniciativa que recolle os investimentos vinculados á mobilidade eléctrica, Feijóo destacou, tamén, os proxectos de mobilidade vencellados á actividade portuaria, como: o Green Port, formado por un paquete de actuacións da Autoridade Portuaria da Coruña que busca desenvolver a cadea de valor do hidróxeno verde, sistemas de almacenamento de enerxía e autoabastecemento do porto a través de enerxías limpas ou dixitalizar e modernizar as actividades portuarias. E o Green Bay, liderado pola Asociación do Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e coa colaboración, entre outras entidades, da Autoridade Portuaria de Vigo, e que busca transformar o transporte marítimo na ría viguesa a través da electrificación, así como modernizar as instalacións portuarias mediante novos sistemas de propulsión eléctrica.

Por outra banda, salientou que o proxecto Smart Logistic Areas Galicia -promovido pola Confederación de Empresarios de Galicia e a de Pontevedra, a Autoridade Portuaria de Vigo, o Clúster de Función Loxística de Galicia, as asociacións sectoriais de empresas de enxeñería, de transporte e de construtores de Pontevedra, así como a Plisan- aspira á creación de áreas de aparcadoiro non invasivo en zonas loxísticas das cidades de Galicia. Ademais de referirse aos proxectos presentados por empresas enerxéticas como Naturgy e Iberdrola, así como pola Federación Galega de Estacións de Servizos (Fegaes), cos que se busca artellar unha rede de cargadores rápidos e ultrarrápidos que faciliten a mobilidade eléctrica en Galicia.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta destacou o liderado de Galicia en sectores como a automoción, o naval ou as enerxías renovables. E concluíu pedindo, unha vez máis, concorrencia competitiva e obxectividade á hora de optar aos fondos europeos.

Imaxes relacionadas