A Xunta avoga polo diálogo social e a cooperación entre administracións para unha mellor xestión dos fondos Next Generation

Santiago de Compostela, 19 abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, recoñeceu hoxe que os retos que se enmarcan no contexto actual exixen prestar unha especial atención á colaboración entre administracións, así como á participación de todos os axentes económicos e sociais. Por este motivo, a Xunta de Galicia, no marco do diálogo social, vai crear un grupo de traballo para perfilar a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation.

Durante a súa intervención por videoconferencia nunha xornada con alumnos e alumnas da Escola de Relacións Laborais da Universidade da Coruña (UDC), Conde explicou que os fondos europeos son a gran oportunidade que temos para “transformar a nosa economía, a nosa industria e o noso modo de vida cara a un modelo máis dixital e sustentable”.

Nese sentido, subliñou que as relacións laborais xogan un papel fundamental porque o diálogo e o consenso son as mellores ferramentas para saír máis fortalecidos deste crise e facer unha xestión eficiente e eficaz destes fondos.

Con respecto ao ámbito da administración, o vicepresidente económico salientou que atopar o equilibrio xusto entre o plano sanitario e o acompañamento ao tecido produtivo é o gran reto que comporta a xestión da pandemia. E, baixo esta premisa, a Xunta está actuando desde dúas perspectivas: con medidas de resposta rápida, tanto desde o eido sanitario como económico, para facer fronte ás necesidades máis inmediatas; e con medidas a medio e longo prazo para impulsar a transformación do tecido empresarial.
 

Imaxes relacionadas