A Xunta reclama que o Estado compense a ruralidade de Galicia no reparto de fondos do plan ‘Corresponsables’ e na creación de centros de emerxencia para vítimas da violencia sexual

O secretario xeral da Consellería de Emprego e Igualdade, José Ramón Pardo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella participaron hoxe na Conferencia Sectorial de Igualdad que reúne a representantes de todas as Comunidades

A Xunta insiste en que o Goberno central pondere criterios como a dispersión poboacional ou o número de concellos con menos de 5.000 habitantes na distribución de cartos para os plans estatais ‘Corresponsables’ e ‘España te protege’

Galicia quere asumir o deseño e a distribución territorial dos centros 24 horas de atención ás vítimas de violencia sexual previstos antes de 2023

O Goberno galego destacou o seu esforzo na promoción de medidas de conciliación como a construción de garderías e casas neno nos núcleos menos habitados
 

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021

O secretario xeral da Consellería de Emprego e Igualdade, José Ramón Pardo, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella -xunto coas persoas titulares dos departamentos de Igualdade nas Comunidades Autónomas e a ministra do ramo- participaron hoxe na Conferencia Sectorial de Igualdad na que abordaron o reparto de cartos para o Plan Corresponsables e a posta en marcha de centros de atención de emerxencia 24x365 do plan España te protege para as vítimas de agresión sexual. En ambos os dous casos, Galicia reclamou do Estado que no reparto de fondos se teña en conta o criterio de poboación rural para dar cobertura das mulleres e familias residentes en lugares afastados do urbano.

En relación coa apertura de centros de atención continua a vítimas de agresión sexual, a Comunidade solicitou deseñar de primeira man os servizos para “garantir a dispoñibilidade de xeito equitativo, asegurando a súa accesibilidade ás mulleres das zonas rurais”. Tal e como reflectiu na xuntanza os representantes da Xunta, “deben ser as Comunidades Autónomas as responsables finais do seu deseño e distribución territorial, garantindo o mínimo establecido dun centro por provincia”.

A secretaria xeral da Igualdade lembrou que Galicia solicita que os aspectos de reparto dos fondos que se utilicen na posta en marcha destes centros -a Comunidade recibirá 4,7 millóns de euros ata 2023- “deben ser os mesmos que na asignación de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero” e que se asimile o criterio de “poboación rural” ao de insularidade, ao de número de mulleres maiores de 15 anos ou ao de dispersión poboacional. Nesta liña, Galicia incidiu na necesidade de dar continuidade a estes apoios máis aló de 2023, para garantir a sostenibilidade dos novos dispositivos.

A Xunta amosou, por outra banda, a súa discrepancia na distribución dos fondos destinados ao Plan Corresponsables, dos que 10,7 millóns corresponderán a Galicia. Estes cartos poden destinarse a proxectos que faciliten a conciliación de familias con menores de 14 anos, mediante a creación de bolsas de coidado profesional, a creación de emprego de calidade neste ámbito e a posta en marcha dun sistema de acreditación de competencias profesionais adquirida a través da experiencia e por vías non formais.

“Somos unha das Comunidades cunha das maiores taxas de envellecemento e peor taxa de reposición, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense”, lembrou López Abella, que defendeu que “por coherencia” se habilite nos fondos “unha partida especifica para comunidades como a nosa, co maior peso de poboación en concellos de menos de 5.000 habitantes, atendendo a que a maior parte da poboación non vive no entorno próximo do núcleo municipal, senón en entidades de poboación singulares”. Galicia defendeu nesta liña que os coidados poidan recaer nas persoas maiores.

Esforzo pola poboación rural

A Xunta mantén unha aposta decidida pola conciliación das familias, cun gran esforzo económico para apoiar a creación de servizos, como a construción de garderías. A Comunidade supera o cociente recomendado pola UE de prazas públicas de escolas infantís de cero a tres anos ou a implantación das Casas Neno en municipios con menos de 5.000 habitantes. Na actualidade, tal e como destacou a secretaria xeral da Igualdade, Galicia conta con 76 instalacións para un máximo de 5 bebés. Estas actuacións véñense completando coa posta en marcha de Casas do Maior, ademais do apoio aos concellos para programas de conciliación, con prioridade para os que teñen máis baixa densidade de poboación.

“Galicia está a poñer unha porcentaxe moi importante do orzamento xeral da Comunidade para que o rural sexa unha opción de vida para moitas parellas novas e non o abandonen porque non teñan servizos en igualdade de condicións que nas cidades, para os seus fillos e fillas, ou os seus maiores dependentes”, enfatizou López Abella, quen mostrou ante a ministra que “non sería coherente por parte do Estado que se obvie esta realidade, similar en dificultades e esforzo económico á insularidade”.