A Xunta licita por preto de 1 millóns de euros as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal

Actuarase nas estradas AC-101, AC-110 e AC-566, nos concello de Narón, Valdoviño, Cedeira, As Pontes, Ortigueira, Cerdido, Moeche e As Somozas

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 18 de maio e o obxectivo é comezar as obras no verán para telas rematadas este mesmo ano

Os traballos inclúen a mellora do firme, a limpeza e reperfilado de noiros nas zonas non urbanas e a reposición das marcas en todos os cebreados e vías das estradas

Acondicionaranse os treitos máis sinuosos ou esvaradíos da AC-566 e no punto quilométrico 6+900 reforzarase a seguridade nas paradas de autobús

A Xunta continúa traballando na conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de licitar as obras de mellora de firme en tres estradas autonómicas nas comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal, cun investimento de case 1 millón de euros.

A Plataforma Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, cun prazo para a presentación de ofertas que remata o vindeiro 18 de maio.

Estas actuacións, que se prevén iniciar no verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano, consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas de titularidade da Xunta AC-101, AC-110 e AC-566, ao seu paso polos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira, As Pontes, Ortigueira, Cerdido, Moeche e As Somozas.

De modo máis concreto, na estrada AC-101, actuarase entre os puntos quilométricos 9+915 ata o 11+530 e 16+850 ata o 17+800; na AC-110, fundamentalmente, nos primeiros 10 km de estrada, entre os puntos 0+600 ao 10+200; e na AC-566 entre os puntos quilométricos 1+100 e 8+000, 16+150 e 17+150 e do 29+200 ata o 41+400.

Os traballos inclúen a mellora do firme das estradas mediante o fresado de 5 centímetros da capa de rodadura e posterior reposición mediante unha capa de mestura bituminosa do mesmo espesor.

Nas zonas non urbanas das citadas estradas realizarase tamén a limpeza e reperfilado dos noiros e tamén se reporán as marcas das vías nas que se actúa e en todos os cebreados e marcas das 3 estradas.

Ademais, nos treitos máis avellentados e lixeiramente fisurados, sinuosos ou esvaradíos da AC-566, estenderase una capa de microaglomerado. Nesta estrada, no punto quilométrico 6+900, tamén se reforzará a seguridade nas paradas de autobús mediante a pavimentación con 21 centímetros de formigón, limitada con bordos.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.