O Sergas aborda os sistemas de regulación emocional no ciclo de conferencias de apoio e atención ao persoal de sanidade

A psicóloga, Ana Isabel Martinez Arranz, será a encargada de impartir mañá, 20 de abril, a terceira das sesións do ciclo

A iniciativa, á que están invitados os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas, enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia da covid-19

O seminario web enmárcase dentro do acordo de colaboración asinado pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para a organización dun ciclo composto por seis conferencias

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2021

O Servizo Galego de Saúde continúara mañá cunha nova conferencia dentro do ciclo que está a impartir para coidar o benestar emocional dos seus traballadores. Nesta ocasión, e en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), será a psicóloga, Ana Isabel Martínez Arranz, quen leve a cabo esta nova sesión, baixo o título “Regulemos o nivel emocional”.

O seminario web terá lugar mañá, día 20 de abril ás 18,30h, podendo seguirse en directo na canle de Youtube da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e a través da súa web https://acis.sergas.es/. Logo de ser emitidas, os seminarios quedan gravados e dispoñibles para todo o persoal do Servizo Galego de Saúde nunha sección específica na Aula virtual de ACIS.

Este ciclo de conferencias enmárcase dentro do Plan de intervención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde na Pandemia da covid-19, posto en marcha pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Están invitados a participar os 44.000 traballadores do Sergas e entidades adscritas.

Neste contexto, a Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia asinaron un acordo de colaboración para a organización de seis das conferencias que se impartirán no ciclo. Será o propio COPG o encargado de seleccionar tanto a temática destas charlas como os ponentes que as levarán a cabo.

Este terceiro seminario, sucede as dúas conferencias iniciais, "Controla o estrés antes de que te controle a ti" conducido pola psicóloga e experta en estrés e ansiedade, Alejandra Vallejo-Nágera; e o webinar “O autocoidado como forma de ser”, exposto pola
psicóloga, Fátima López, respectivamente.