O Fondo de proxectos Xacobeo 21-22 difunde a cultura tradicional da man de Davide Salvado, Fransy González e Cibrán Seixo

O videoclip ‘Cantar do liño e Maneo de Xaviña’ presentado hoxe polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, forma parte dun proxecto musical conxunto para poñer en valor a nosa tradición máis arraigada

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e os músicos Davide Salvado, Fransy González e Cibrán Seixo presentaron hoxe o audiovisual Cantar do liño e Maneo de Xaviña, realizado ao abeiro da primeira convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia e avance do proxecto musical conxunto desta banda para poñer en valor a tradición cultural, lingüística e patrimonial galega desde a música, a danza, o patrimonio arquitectónico ou a paisaxe.

Valentín García indicou que se trata dun traballo “moi coidado, especialmente elaborado e que amosa unha gran sensibilidade polo patrimonio material e inmaterial de Galicia”, desde a escolla das localizacións ao paso do Camiño de Santiago ata a recollida e posta en valor das manifestacións artísticas, canto e danza, propias. Nesta liña, sinalou que se trata dun proxecto que rememora, dá a coñecer e visibiliza “quefaceres tan arraigados como o labor do liño, así como as cantigas asociadas á fiada ou o particular maneo de Bergantiños e da Costa da Morte, sempre fontes culturais e lingüísticas inesgotables da nosa tradición”.

Arredor do Camiño de Santiago

O videoclip xa se pode ver no Portal da Lingua Galega e constitúe un avance do proxecto musical conxunto que teñen en marcha Davide Salvado (canto e percusión), Fransy González (canto e percusión) e Cibrán Seixo (violín e produción musical), coa participación de Daniel Pardo (guión e danza), no que o trío parte dun repertorio musical de raíz que ve a luz avalado pola ampla traxectoria artística dos seus integrantes, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras, para poñer en valor a tradición cultural, lingüística e patrimonial galega desde a música, a danza, a palabra cantada, a arquitectura ou a paisaxe.

A peza foi filmada baixo a dirección técnica de Goluboff Studio na Comarca da Ulloa, ao pé do Camiño de Santiago, e está ambientada en emprazamentos e monumentos arquitectónicos tan coñecidos como a igrexa de San Salvador de Vilar de Donas (Palas de Rei) ou o cruceiro de Lameiros e a carballeira de Airexe (Monterroso).

Repositorio de contidos dixitais, audiovisuais e sonoros

Cantar do liño e Maneo de Xaviña forma parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo en marcha ao abeiro do seu Plan de reactivación do sector cultural ao inicio da pandemia da covid-19 e cuxa segunda edición arrancou o pasado mes de marzo para que as empresas, entidades e profesionais culturais, turísticos e lingüísticos presentasen os seus proxectos para o ano en curso ata o 8 de abril.

O repositorio de contidos dixitais, audiovisuais e sonoros da primeira edición do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 21-22 da Xunta de Galicia está accesible, de balde e en aberto, desde o Portal da Lingua Galega.
 

Imaxes relacionadas