A Xunta impulsa a divulgación do legado de Camilo José Cela coa renovación da páxina web da súa fundación

O novo espazo dixital foi realizado co fin de facela máis interactiva e fácil de usar así como para incrementar a promoción sobre o traballo do escritor

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentouna xunto ao catálogo da mostra ‘Camiños (IN)certos. Paisaxe(s) e territorio(s) dun camiño emocional’
 

Padrón (A Coruña), 19 de abril de 2021

A Xunta de Galicia vén de impulsar a divulgación e difusión do legado de Camilo José Cela coa actualización da páxina web da súa Fundación para facela máis interactiva e fácil de usar. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nun acto no que tamén se deu a coñecer o catálogo da mostra Camiños (IN)certos. Paisaxe(s) e territorio(s) dun camiño emocional, visitable no espazo museístico de Iria Flavia ata o vindeiro 31 de maio.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade expuxo que esta renovación do espazo dixital foi realizado en colaboración coa Amtega co obxectivo de incrementar a promoción sobre o traballo do escritor Camilo José Cela, o único galego que gañou o Premio Nobel. “Este novo recurso permitirá que a cidadanía teña un mellor acceso a información práctica sobre o labor que se realiza tanto na Fundación como no Museo, así como as súas exposicións e actividades”, indicou.

Precisamente, unha das primeiras actividades que se promociona na nova web da Fundación Camilo José Cela é a exposición Camiños (IN)certos. Paisaxe(s) e territorio(s) dun camiño emocional cuxo catálogo foi presentado hoxe. Trátase dun volume que recolle os detalles da exposición na que participan 12 artistas que a través das súas obras fan unha referencia simbólica á novela La colmena -que en primeira instancia concibiuse como a primeira parte dunha triloxía baixo o título Caminos inciertos- e interactúan cos espazos expositivos en alegoría á actual situación.

Creación de artistas galegas

A exposición conta coa participación de artistas galegas ou vinculadas con Galicia como Pilar Boullosa, Sara Coleman, Iria do Castelo, Iria Fafián, Carla Souto, Paula Noya, Sesé Santiso, Marta Bran, Isabel Seidel, Basilisa Fiestras, Ana Gesto e Carla Andrade e aínda que nun primeiro momento só era visitable ata o mes de xaneiro, finalmente, por mor das dificultades derivadas da pandemia, estará operativa ata o 31 de maio.

A través das pezas da mostra, concibida como unha alegoría da situación actual e no marco do Xacobeo 2021, inclúse desde performance, grafitis ou videocreación, entre outras. As artistas afondan en temas como diversas problemáticas sociais, teimas relacionadas coa precariedade laboral, coa maternidade, a inseguridade na vida creativa, cuestións vencelladas ao territorio, entre outras.
 

Imaxes relacionadas