A Xunta asina co Concello da Estrada o protocolo para a construción do novo edificio xudicial da Estrada

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde asinaron o acordo para regular o proceso que permitirá unificar os dous xulgados do municipio e atender as necesidades do partido xudicial

O Goberno galego destina este ano 164M€ á Administración de Xustiza en obras como a da Estrada, avances na modernización ou na dotación de persoal

Alfonso Rueda tamén fixo entrega hoxe dun novo camión para os servizos de emerxencias do municipio, no que a Xunta investiu 150.000 euros e que permitirá actuar en intervencións de salvamento e contraincendios en núcleos con rúas estreitas e de difícil acceso

A Estrada (Pontevedra), 19 de abril de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co alcalde da Estrada, José López, o protocolo de colaboración para a construción do novo edificio xudicial onde se unificarán os dous xulgados de 1ª Instancia e Instrución do municipio, e que ademais contará con espazo para atender as necesidades de novas unidades nos próximos anos. Tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López.

A Xunta reservou no orzamento deste ano 60.000 euros para a redacción do proxecto e o inicio dos traballos do novo edificio xudicial, ubicado nunha parcela cedida polo concello. Alfonso Rueda indicou a importancia desta obra para rematar coa dispersión xudicial e garantir un servizo de calidade aos 24.000 habitantes deste partido xudicial. “O obxectivo do Plan de Infraestruturas Xudiciais é modernizar pero tamén unificar os servizos xudiciais que hai en Galicia, como pasa aquí na Estrada, onde os dous xulgados están en espazos diferentes”. O vicepresidente primeiro asegurou que as actuacións vanse facer logo de falar cos traballadores. “Reuniremos cos eles, escoitaremos as súas suxestións e trataremos de incorporalas, porque a súa opinión é importante”.

O Goberno galego investiu nos últimos anos máis de 115 millóns de euros no Plan de Infraestruturas Xudiciais, con actuacións fundamentais nas sedes xudiciais galegas co obxectivo de mellorar as instalacións existentes e prever ás necesidades estruturais da planta xudicial galega. O Plan culminará este ano coa posta en marcha da Cidade de Xustiza de Vigo, que conta cun investimento de 42 millóns de euros.

As últimas actuacións pendentes desta obra, a maior dentro do Plan de Infraestruturas Xudiciais, inclúense nos orzamentos deste ano da Xunta para a Administración de Xustiza. O Goberno galego destinará este exercicio 134 millóns de euros, un 4,4% máis que en 2020, a rematar a Cidade da Xustiza, ou ao inicio deste novo edificio xudicial na Estrada e dunha sede propia do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela. Ademais, avanzarase na modernización da xustiza xunto coa Amtega, e estase a dotar do persoal necesario para os novos xulgados postos en marcha para axilizar a actividade xudicial tras a crise derivada da pandemia do coronavirus.

Novo camión de emerxencias

Por outra parte, o vicepresidente primeiro fixo entrega ao concello dun camión autobomba urbana lixeira estreito destinado aos servizos de emerxencias para as súas intervencións de salvamento e contraincendios en zonas estreitas en núcleos rurais polas que non poden circular vehículos máis grandes.

O novo vehículo, cun custe de 150.000 euros, conta cunha cisterna de 1.100 litros, o que supón unha cantidade de auga suficiente para afrontar unha primeira intervención nun lume urbano neste tipo de zonas de difícil acceso.

Alfonso Rueda destacou que o Goberno galego continúa así co seu compromiso para dotar aos servizos de emerxencias do equipamento necesario, cun importante investimento nos últimos anos que supera os 15,3 millóns de euros. Deste xeito, a Administración autonómica colabora coas entidades locais para que a atención ante calquera incidencia sexa áxil e eficiente.

Imaxes relacionadas