O 061 de Galicia asistiu a 63 persoas por 48 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 16 de abril, ata as 23,59 horas do domingo, 18 de abril, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 56 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 19 de abril de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 63 persoas debido a 48 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 16 de abril, ata as 23,59 horas do domingo, 18 de abril. O día que rexistrou máis incidentes foi o domingo con 18 sinistros.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 56 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 48 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 63 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 64,5% e do 35,5% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 32% dos atendidos tiña entre 20 e 34 anos.

Por provincias, A Coruña foi a máis sinistros rexistrou con 21 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes
A Coruña
21
Lugo
6
Ourense
4
Pontevedra
17
Galicia
48

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 57. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en tres accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 48 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que completan a dotación das ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en tres accidentes. As ambulancias convencionais atenderon en dúas ocasións.

En 56 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto do sinistro.