O prazo para presentarse ao certame de materiais innovadores de Galicia que convoca a Xunta mantense aberto ata o 13 de maio

O obxectivo é identificar, potenciar e difundir os novos materiais creados en Galicia e poñer en valor o esforzo de I+D que se realiza neste campo desde as empresas, os grupos de investigación e os centros tecnolóxicos

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2021

As empresas, centros de coñecemento e profesionais da artesanía interesados en presentarse á primeira edición do Certame de Materiais Innovadores de Galicia teñen de prazo ata o próximo 13 maio para formalizar a súa candidatura.

A convocatoria, realizada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten como obxectivo identificar e promocionar os materiais máis innovadores desenvolvidos nos últimos anos en Galicia. O certame, organizado no marco do Programa de Deseño para a Innovación a través da Materioteca de Galicia, inclúe un total de catro categorías.

A primeira delas distinguirá o mellor material obtido de procesos artesanais ou con limitada capacidade de produción. A segunda e a terceira buscan os materiais máis innovadores creados, dunha banda, por empresas e, da outra, por grupos de investigación de universidades, centros de investigación ou centros tecnolóxicos. Por último, destacarase o mellor material desenvolvido por un grupo mixto formado por empresas e centros de coñecemento, ou por unha agrupación de empresas, en calidade de participantes nalgún proxecto financiado con fondos públicos autonómicos, estatais ou europeos.

A chamada a participar no certame está dirixida tanto aos creadores e creadoras de materiais novos –mediante un sinxelo formulario dispoñible en www.materioteca.gal¬– como aos profesionais do deseño que traballan con eles nos seus proxectos –que poden promover candidaturas enviando un mail a materioteca@xunta.gal cos datos básicos do material–.

Os criterios de valoración terán en conta o nivel de madurez tecnolóxica, o recoñecemento do sector, a sustentabilidade, a utilidade e hixiene sanitaria, o grao de innovación e se o material está patentado ou rexistrado.

Promoción e difusión

Os materiais seleccionados serán promocionados mediante iniciativas coma unha publicación especializada e formarán parte dunha serie de exposicións itinerantes por toda España. Ademais, obterán un completo informe elaborado por un equipo experto no que se analizarán todas as oportunidades do material no mercado, incluíndo as súas potenciais aplicacións a nivel multisectorial e a identificación de posibles partners. Aqueles materiais que queden finalistas obterán tamén un informe personalizado para optimizar o seu posicionamento no mercado.

As bases completas do Certame de Materiais Innovadores de Galicia e os detalles do procedemento e da documentación a presentar poden consultarse na páxina web da Materioteca de Galicia: https://www.materioteca.gal/wp-content/uploads/2021/01/Bases-Certame-Materiais.pdf.