O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou esta semana convenios de colaboración con Cáritas Diocesana de Santiago e de Tui-Vigo

A Xunta porá en marcha un programa formativo en materia de consumo destinado a colectivos vulnerables

A iniciativa do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) inclúe un programa de formación de formadores e tres talleres sobre luz e gas, sobreendeudamento e compras realizadas por internet

Santiago de Compostela, 18 abril de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asinou esta semana convenios de colaboración con Cáritas Diocesana de Santiago e de Tui-Vigo -no marco do Programa Consumo Accesible- co obxectivo de desenvolver actividades de formación e divulgación destinadas a colectivos vulnerables para garantir a dispoñibilidade de información clara, accesible e doada de usar en materia de consumo responsable.

A iniciativa, que desenvolve a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía Empresa e Innovación, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), inclúe formación de formadores dirixida a entidades e persoas colaboradoras, técnicos e persoal de atención de Cáritas para que poidan difundir as prácticas de consumo responsable entre os distintos colectivos usuarios. Ademais, realizaranse un total de tres talleres sobre diferentes temáticas que se poderán impartir de xeito telepresencial e/ou presencial entre os meses de abril e novembro.

En concreto, abordarase o sobreendeudamento centrado nos dereitos das persoas consumidoras e usuarias no relativo ás finanzas, orzamentos, tarxetas revolving ou créditos ao consumo; tamén se informará sobre o servizo eléctrico e de gas nos fogares; e das compras realizadas por internet.

En base á súa experiencia e coñecemento das distintas problemáticas que afectan ás persoas consumidoras de maior idade, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia encargarase de deseñar e elaborar os contidos dos diferentes talleres e da formación de formadores.
 

Imaxes relacionadas