A Xunta vén de transferir máis 13,7 millóns de euros a 3.765 beneficiarios das axudas agroambientais e de agricultura ecolóxica da convocatoria da PAC de 2020

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dependente da Consellería do Medio Rural, realizou as correspondentes transferencias que chegarán ás contas dos particulares ao longo da semana que vén

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2021

Un total de 3.765 persoas beneficiáronse en Galicia das axudas de agroambiente e clima e de agricultura ecolóxica correspondentes á campaña de 2020 da Política Agrícola Común (PAC), que suman 13,7 millóns de euros.

Así, o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), organismo pagador dependente da Consellería do Medio Rural, vén de realizar as correspondentes transferencias para que os gandeiros e agricultores poidan recibir os pagos ao longo da semana que vén.

Destes 13,7 millóns de euros, algo máis de 11,8 millóns correspóndense ás axudas de agroambiente e clima, que benefician a 3.545 agricultores e gandeiros. En canto ás axudas de agricultura ecolóxica, o importe ascende a máis de 1,8 millóns de euros para beneficiar a 220 produtores.

A convocatoria destas subvencións publicárase no mes de febreiro de 2020 a través dunha Orde da Consellería do Medio Rural pola que se regulaba a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control, no marco da PAC.

Imaxes relacionadas