A Xunta inicia mañá as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-544 en Ames e Brión, que farán necesarios cortes puntuais de carrís ata o venres

Esta actuación suporá un investimento autonómico de preto de 48.000€ e realizarase nun treito de algo máis de 1 km no que o firme se viu deteriorado, especialmente como consecuencia das intensas choivas deste inverno

Os desvíos do tráfico serán advertidos coa antelación necesaria
 

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2021.- A Xunta iniciará mañá as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-544, ao seu paso polos concellos de Ames e de Brión, que farán necesarios cortes puntuais de carrís ata o venres.

Esta actuación suporá un investimento autonómico de preto de 48.000 euros e levarase a cabo nun treito desta estrada, entre os puntos quilométricos 2+350 e 3+400, no que o firme se viu deteriorado, especialmente como consecuencia das intensas choivas deste inverno.

Para poder acometer as actuacións de rehabilitación do firme deste tramo da AC-544, de algo máis de 1 km de lonxitude, será preciso realizar cortes de tráfico puntuais nalgún dos carrís, permitindo a circulación alternativa polo outro.

Os desvíos do tráfico serán debidamente informados coa antelación necesaria, situándose previamente a sinalización entre os puntos quilométricos 1+500 e 8+500.

Os citados desvíos presentarán dúas configuracións diferentes, segundo as zonas. Nas zonas con tres carrís, cortarase o tráfico nun deles, manténdose ambos os sentidos de circulación polos outros dous. Nas zonas que contan con dous carrís, cortarase un deles e darase paso alternativo polo outro, regulado por semáforos.

Os traballos incluirán o fresado das dúas cuñas triangulares na parte exterior de cada carril para dar encaixe a unha nova capa de rodadura. Tamén se estenderá mestura bituminosa en quente como capa de rodadura sobre o firme existente.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na mellora da estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar as prestacións aos usuarios.