A Xunta licita por case 130.000 euros as obras de humanización do espazo público do Tameirón na Gudiña

Grazas a esta intervención melloraranse as infraestruturas básicas deste núcleo, como a rede de abastecemento e saneamento, como traballos previos á humanización do espazo público

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licita por un importe de case 130.000 euros as obras de humanización no espazo público do Tameirón, no municipio da Gudiña.

Trátase dunha actuación que se executará no marco dun convenio de colaboración entre a Xunta e Concello, e cuxo prazo de execución máximo será de tres meses.

Con esta actuación quérense mellorar as infraestruturas básicas deste núcleo, para ampliar e mellorar as redes de abastecemento e saneamento. Os traballos continuarán coa humanización e mellora da totalidade do seu espazo público.

A execución desta obra cumpre con obxectivos do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para colaborar economicamente coas entidades locais, que en ocasións non teñen a capacidade económica suficiente que require a execución deste tipo de actuacións. Asemade, estas intervencións e proxectos teñen o obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar infraestruturas de uso público e colectivo.