Luis López destaca en Silleda a aposta global da Xunta pola mellora, a promoción, a dinamización e o embelecemento da Vía da Prata e do Camiño de Inverno no marco do dobre Ano Santo

O delegado territorial asiste á inauguración da mostra de pintura coa que remata a actividade sociocultural ‘Trasdeza Pinta o Camiño’, financiada pola Vicepresidencia primeira ao abeiro do programa ‘O Teu Xacobeo’

O Goberno galego desenvolve na provincia sete iniciativas municipais, dúas delas na bisbarra do Deza, e decenas delas promovidas por asociacións e empresas para a dinamización dos concellos polos que pasa o Camiño de Santiago

A derradeira convocatoria do programa de Embelecemento do Camiño executou oito actuacións en Silleda, Lalín, Rodeiro e Dozón cun investimento de case 80.000€
 

Silleda, 17 de abril de 2020

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou esta mañá en Silleda a “aposta global” do Goberno galego pola mellora, a promoción, a dinamización sociocultural e o embelecemento da Vía da Prata e do Camiño de Inverno, que son as dúas rutas xacobeas que pasan pola bisbarra do Deza, no marco do plan transversal que se está a desenvolver en toda Galicia con motivo do dobre Ano Santo 2021-2022.

O representante autonómico salientou estas actuacións no Centro Cultural Vista Alegre da Bandeira con motivo da inauguración da mostra de pintura coa que remata a actividade Trasdeza Pinta o Camiño, financiada pola Vicepresidencia primeira da Xunta con máis de 9.000€ ao abeiro do programa O Teu Xacobeo.

“Con este plan cultural a Xunta de Galicia pretende achegar o Xacobeo a toda a comunidade, desenvolver unha acción sociocultural vencellada ao Camiño moi apegada á rúa e á xente e favorecer a participación activa dos galegos para que sintan o Xacobeo como algo propio”, explicou Luis López, que estivo acompañado polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, membros da corporación municipal e representantes da vida social e cultural do municipio.

O delegado territorial agradeceu a implicación do Concello e da sociedade silledense “nunha actividade moi orixinal e que favoreceu a participación social e a colaboración dos centros educativos” e salientou o gran nivel dos traballos pictóricos sobre distintos espazos do Camiño en Silleda realizados polos artistas Vanessa Barcala, David Bibián, Marisa Miguélez, Juan Liñares, Amalia López e Adrián Penido en xornadas de pintura en vivo ao aire libre. “A calidade dos traballos é innegable e ademais do seu valor artístico, con estilos e técnicas moi diferenciadas, permítenos coñecer espazos emblemáticos ou máis descoñecidos pero dunha indubidable beleza das dúas rutas xacobeas ao seu paso Silleda”, detallou.

Ao abeiro do programa O Teu Xacobeo, a Xunta de Galicia está a desenvolver en toda a provincia ata sete iniciativas municipais de dinamización sociocultural, das que dúas pertencen á bisbarra do Deza con esta de Silleda e Gres no Camiño, concedida ao Concello de Vila de Cruces. A maiores, estanse a celebrar decenas de actividades similares promovidas por asociacións e empresas ata alcanzar, nesta convocatoria, un total de 220 en toda Galicia.

Ademais, e no marco do traballo global en torno ao Xacobeo, a Xunta executou na bisbarra do Deza un total de oito actuacións coa orde de axudas de Embelecemento do Camiño, que supuxeron un investimento de case 80.000 euros con tres iniciativas públicas e cinco privadas nos municipios de Silleda, Lalín, Rodeiro e Dozón.

“Estamos a traballar arreo para ter todo listo e nas mellores condicións no Camiño de Santiago, xa que agardamos que, co ritmo de vacinacións fronte á covid-19, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e as demais rutas xacobeas poidan recuperar bastante actividade peregrina a partires deste verán e achegarse á plena normalidade dende o ano 2022, o cal será fundamental para a reactivación económica e turística”, concluiu Luis López.
 

Imaxes relacionadas