A formación especializada en xestión empresarial para os gandeiros impulsada pola Xunta dentro da Estratexia de dinamización do lácteo arranca este xoves no Pazo de Quián

Esta iniciativa persegue facilitar aos participantes ferramentas útiles no campo do control e xestión de custos e cara ás negociacións sobre o prezo do leite, así como unha visión máis ampla no eido económico sobre a súa actividade

O curso, no que poderán participar ata 15 alumnos por edición, contempla seis módulos, que se desenvolverán noutras tantas sesións, ao longo de seis semanas

Os interesados en asistir poden inscribirse a través do correo electrónico agacal@xunta.gal e no teléfono de contacto 881 997 276 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)
 

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2021

O vindeiro xoves, día 22 de abril, arrancará a primeira acción formativa especializada dirixida aos gandeiros no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego que está a por en marcha a Consellería do Medio Rural. Esta iniciativa, que se desenvolverá no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) persegue, en primeiro lugar, facilitar aos participantes coñecemento e ferramentas útiles no campo do control e xestión de custos. Trátase, tamén, de facilitarlles unha visión e un potencial máis amplos no eido económico sobre a súa actividade gandeira e identificar proxectos conxuntos ou individuais que poidan ser susceptibles de apoio posterior por parte da Xunta.

En total, o curso contempla seis módulos, que se desenvolverán noutras tantas sesións, ao longo de seis semanas. Cada sesión será de media xornada (cinco horas en total). O programa da acción formativa, no que poderán participar ata 15 alumnos por edición, aborda cuestións como a xestión integral do negocio na explotación gandeira, o control de custos e elaboración de orzamentos, a optimización da xestión fiscal das explotacións, a innovación, o desenvolvemento de habilidades de negociación e os instrumentos financeiros para o crecemento e o desenvolvemento dos gandeiros, como empresarios que son.

Xestión do negocio

Así, con respecto á xestión do negocio, darase formación sobre temáticas como a cadea de valor láctea, a produción, a importación, a exportación e o consumo ou a evolución nos formatos máis demandados polo mercado. No que atinxe ao control de custos, avaliaranse tanto os propios da produción de leite ou carne como os derivados dos cultivos, así como os indicadores máis relevantes nunha explotación gandeira. En relación coa xestión fiscal, abordaranse cuestións coma os impostos de sociedades, sobre a renda ou sobre o valor engadido, así como o réxime xeral, simplificado e especial da agricultura, a gandaría e a pesca.

O módulo relacionado coa innovación contempla a formación partindo da distribución, da orixe, da calidade, da trazabilidade e tamén orientada cara o consumidor. Así, formarase aos gandeiros en aspectos como os formatos, os sabores, a saúde e tamén en materia de cooperación para a innovación.

No que ten que ver coas habilidades para a negociación dos contratos lácteos, o curso orientará aos gandeiros sobre o mellor xeito de afrontar estes procesos nas súas diferentes etapas e tamén sobre o seguimento da negociación, a xestión de concesións ou o peche da oferta. Este módulo está especialmente pensado para dotar aos participantes de ferramentas útiles na súa negociación sobre os prezos do leite cos compradores e a industria.

Por último, no que respecta aos instrumentos financeiros, esta acción facilitará aos gandeiros ferramentas para a procura de alternativas financeiras a curto e longo prazo, así como información sobre instrumentos de financiamento específicos para cooperativas e plataformas para a captación de fondos.

Os interesados en participar neste curso organizado pola Consellería do Medio Rural poden inscribirse a través do correo electrónico agacal@xunta.gal e no teléfono de contacto 881 997 276 da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).