Trenor destaca a importancia da concienciación cidadá para garantir a conservación dos hórreos, sinal de identidade do rural galego

A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o delegado da Xunta foron os encargados de participar na apertura e clausura da xornada Hórreos, ¿Patrimonio da Humanidade?

“Os cabazos son elementos arquitectónicos vitais no rural galego e na actualidade convertéronse nun importante reclamo turístico”, subliñou o delegado da Xunta
 

Ponteceso (A Coruña), 17 de abril de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o delegado da Xunta foron os encargados de participar na apertura e clausura da xornada Hórreos, ¿Patrimonio da Humanidade? organizado pola Fundación Pondal e o diario La Voz de Galicia dentro do ciclo ForoVoz.

Gonzalo Trenor destacou, no acto de clausura, a importancia desta xornada de reflexión sobre o valor patrimonial, etnográfico, arquitectónico, cultural e social dos hórreos e puntualizou que “encontros coma estes son a mellor oportunidade para poñer en valor unhas das construcións máis características do noso mundo rural e unha das mostras máis salientables da arquitectura agraria da nosa terra”.

O representante do goberno autonómico recalcou que, segundo algúns cálculos, existen en toda Galicia uns 30.000 exemplos. A falta dun reconto oficial, esa é a cifra comunmente aceptada e que se basea na estimación de que na comunidade hai unha media dun hórreo por cada quilómetro cadrado. Constitúen así un dos principais elementos identificativos da nosa paisaxe e converten a comunidade galega no gran expositor dun fenómeno presente noutras zonas do norte da Península e de Portugal, así como en áreas tan dispares como os Balcáns, Escandinavia ou Xapón.

O delegado da Xunta apuntou que “os cabazos son a expresión máis xenuína da paisaxe das nosas aldeas e, sen dúbida, e un dos mellores exemplos da arquitectura tradicional polo que este tipo de encontros serven para concienciar á sociedade da importancia destas construcións que agora, co abandono de moitas zonas do rural, poden correr perigo de desaparecer”.

O representante do Goberno galego incidiu en que desde a Xunta de Galicia estase a facer un importante esforzo para a protección do patrimonio histórico e natural e neste senso os cabazos son elementos arquitectónicos vitais no rural galego e na actualidade convertéronse nun importante reclamo turístico e en todo un aceno de identidade galega. Neste senso, lembrou que todos os hórreos construídos antes do 1901 son considerados Bens de Interese Cultural, polo que contan cunha protección especial e non se poden trasladar sen unha autorización.

O delegado da Xunta lembrou que en 1973, un decreto nacional promoveu a protección dos hórreos galegos como elementos patrimoniais e desde entón varios hórreos de Galicia son considerados monumentos histórico-artísticos e xa son puntos de interese a coñecer por moitos dos turistas que visitan esta terra. “Moi preto de aquí, en Carnota, temos dous exemplos deste fenómeno como son o conxunto monumental de Lira e o hórreo de Carnota, dous dos monumentos deste tipo máis visitados na comarca e en Galicia”, subliñou Trenor.

Inauguración directora xeral

Na súa intervención na xornada de inauguración, Inés Santé destacou a relevancia destes elementos patrimoniais para o rural galego, tanto dende o punto de vista estritamente agrario como pola súa riqueza cultural e etnográfica. Neste sentido, apuntou que por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural trabállase na mellora e recuperación destes espazos, así como no incremento do nivel de vida da poboación, a través de iniciativas coma os proxectos senlleiros.

Estes proxectos céntranse na posta en valor da oferta de ocio, deporte, cultura ou calquera outro servizo básico no agro e buscan tamén promover a vida en comunidade nos núcleos rurais e mellorar a estrutura do territorio mediante a valorización de distintas infraestruturas. Trátase ademais de potenciar elementos da identidade colectiva que sirvan para o recoñecemento e vinculación dos veciños co lugar onde residen.

Así, mediante estas iniciativas, que se formalizan a través de convenios de colaboración con distintos concellos galegos, non só se busca recuperar e poñer en valor elementos do patrimonio natural, cultural e etnográfico senón, ao tempo, xerar riqueza e emprego, elementos claves para fixar poboación no rural.

Inés Santé lembrou finalmente que nos tres últimos anos leváronse a cabo máis de 30 iniciativas deste tipo, que contaron cunha achega por parte da Consellería do Medio Rural de arredor de dous millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas