O Sergas aporta máis de 44.000 euros para o desenvolvemento do Programa de Atención Integral ao Médico Enfermo

A tal efecto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente do Consello Oficial de Colexios Médicos de Galicia, Isidro José Lago Barreiro, asinaron un convenio de colaboración

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o presidente do Consello Oficial de Médicos de Galicia, Isidro José Lago Barreiro, veñen de asinar un convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a entidade colexial, para o desenvolvemento do Programa de Atención Integral ao Médico Enfermo (PAIME). En base a este convenio, o departamento sanitario galego comprométese a achegar un total de 44.063 euros.

En consecuencia, as partes asinantes consideran, atendendo ás características propias do exercicio da profesión médica, que os facultativos enfermos requiren dunha atención médica específica e especializada, xa que iso permitirá a detención precoz dos casos e a instauración dos tratamentos necesarios, co fin de garantir o axeitado exercicio profesional.

Deste xeito, tanto a Consellería de Sanidade, como o Sergas, seguen a apostar polo coidado dos seus profesionais como parte fundamental do sistema.

No acto de sinatura estiveron presentes, así mesmo, o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fuentes Losada; e o xerente do Sergas, José Flores Arias.
 

Imaxes relacionadas