O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo un encontro de traballo co alcalde de Sada, Óscar Benito Portela, no que abordaron este asunto

A Xunta propón ao Concello de Sada o cambio de titularidade da avenida da Mariña para facilitar unha xestión máis adaptada ás súas características urbanas e ás necesidades do municipio

Trátase dos tramos máis urbanos das estradas autonómicas AC-162 e AC-163, que coinciden con esta avenida, cuxa transferencia permitirá ao Concello a xestión da actividade e dos usos desta vía

O director da Axencia Galega de Infraestruturas traslada ao rexedor que o cambio de titularidade evita as restricións da normativa autonómica de estradas, como as limitacións de usos ou actividades nas marxes das vías

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, propón ao Concello de Sada o cambio de titularidade da avenida da Mariña para facilitar unha xestión máis adaptada ás súas características urbanas e ás necesidades do municipio.

Así o trasladou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na reunión de traballo que mantivo co alcalde de Sada, Óscar Benito Portela, na que abordaron a posible transferencia, a prol do Concello, dos tramos urbanos das estradas autonómicas AC-162 e AC-163, para facilitar unha mellor adaptación do seu uso.

A transferencia destes dous tramos de características urbanas, que coinciden coa avenida da Mariña, permitirá ao Concello a xestión e a configuración desta vía, de modo máis acorde aos usos desta vía.

Neste sentido, concretou que o cambio de titularidade a prol do Concello deixaría sen efecto a aplicación da normativa autonómica de estradas, máis restritiva, evitando, por exemplo, as restricións da normativa autonómica de estradas nos usos ou actividades nas súas marxes, como neste caso ocorre coa zona de terrazas nesa contorna.

Francisco Menéndez explicoulle ao alcalde que para materializar o cambio de transferencia é preciso a solicitude por parte do Concello, para a súa posterior tramitación de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece que deberá ser aprobados por decreto da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións implicadas.