Política Social sinala que o labor de Cáritas fai de Lugo unha provincia máis solidaria e integradora

O Goberno galego concedeu un total de 500.000 euros en axudas a esta entidade para o ano 2021

Lugo, 16 de abril de 2021

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá a sede de Cáritas Lugo, onde destacou que o Goberno galego destina 500.000 euros a esta entidade a través de distintas axudas para que poida seguir axudando ás persoas de toda a provincia que peor o están a pasar.

Arturo Parrado agradeceu a súa implicación a favor da inclusión social e sinalou que Cáritas Lugo converteu á provincia nun lugar máis solidario e integrador. Neste sentido, apuntou que a Xunta seguirá apoiando os seus programas e iniciativas por ter demostrado ser útiles e efectivas para os colectivos máis vulnerables.

En concreto, o Goberno galego destina este ano 2021 a Cáritas Lugo un total de 140.000 euros a cargo da orde de axudas a entidades sociais e 360.000 euros a través da orde do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).