Conde destaca que o reto de Galicia é lograr que os fondos europeos cheguen a toda a cadea de valor da industria asegurando un crecemento sostible

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no encontro dixital ‘APD Live’

Asegura que o Goberno debe avanzar na cohesión social e territorial a través dun reparto dos fondos no que as comunidades autónomas poidan competir en igualdade de condicións con criterios obxectivos e transparentes
 

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no encontro dixital APD Live. Durante a súa intervención, subliñou que o principal reto ao que se enfronta Galicia coa súa candidatura aos fondos de reconstrución Next Generation é chegar a toda a cadea de valor da industria, o que redundará nun crecemento económico e social sustentable.

O vicepresidente económico trasladou que Galicia fixo os deberes e que acada esta fase co traballo feito, grazas a unha candidatura con 354 proxectos -dos que 247 son públicos y 107 privados- que poderían mobilizar un investimento de preto de 20.000M€. Conde destacou que se trata dunha candidatura de consenso e que inclúe proxectos que pretender envolver a todo o tecido produtivo e involucrar ás pemes. O obxectivo é chegar a toda a cadea de valor industrial apoiándose nos sectores estratéxicos galegos para convertelos en motores que arrastren o resto do tecido, de aí a importancia da colaboración público-privada.

Con respecto a esta aposta pola creación de contornas colaborativas, lembrou a creación dunha sociedade impulsora que será a encargada de acelerar a consolidación de novos proxectos empresariais tractores coa participación das pemes.

Tamén defendeu a necesidade da cogobernanza e a obxectividade no reparto á hora de xestionar estes fondos e lembrou que desde Galicia sempre se apostou por un proceso de concurrencia que permita ás comunidades autónomas competir en igualdade de condicións con criterios obxectivos e transparentes. Por iso, asegurou que o Goberno debe avanzar na cohesión social e territorial e lamentou que, pola contra, actúe sen contar cos territorios.

Entre os proxectos que se pretenden impulsar desde a Comunidade, Conde referiuse ao Polo para a transformación de Galicia; ao conxunto de medidas relacionadas co sector Biotech e ao Polo Aeroespacial de Galicia. Ademais, Galicia conta con iniciativas que proveñen de sectores estratéxicos como a automoción –a través, por exemplo, de AutoAncora– ou o naval, con iniciativas como Green Bay.
 

Imaxes relacionadas