O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo un encontro coas persoas promotoras destes recursos na provincia

A Xunta reúnese coa Asociación de casas niño de Galicia que acaba de constituírse

Na actualidade en Galicia hai 77 casas en funcionamento e o obxectivo é chegar a preto do centenar neste 2021

Ourense, 15 de abril de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo esta tarde na Casa de Chocolate de Ourense unha reunión coa Asociación de casas niño de Galicia, colectivo que promotoras destes centros de conciliación en concellos pequenos de toda a comunidade autónoma acaban de constituír.

O obxectivo deste encontro, o primeiro que o responsable do departamento autonómico mantén de xeito formal co colectivo de recente creación, é coordinarse para buscar avances no programa. Entre outras, durante a xuntanza tratáronse propostas como continuar mellorando a formación das encargadas dos centros

Cómpre recordar que na actualidade hai 77 casas niño en funcionamento por todo o territorio galego. Este ano o Goberno galego inviste 2,15 millóns de euros no mantemento e a posta en marcha de novos centros deste tipo. De feito, esta mesma semana —o 12 de abril— pechouse o prazo para solicitar axudas para a creación de novas casas niño e chegar así a preto de 100 este ano.

Conciliación no rural

As casas niño están dirixidas a familias que residen en concellos de menos de 5.000 habitantes e, ademais de facer máis doada a vida ás familias, estes equipamentos contribúen a fixar poboación e a dinamizar a economía local. Son gratuítas para as familias e cada unha delas atende de maneira personalizada e nun horario flexible de luns a venres ata un máximo de 5 nenas e nenos de 0 a 3 anos.