Catro titulados en ciclo formativos de acuicultura poderán realizar prácticas a través de bolsas que convocará a Xunta

O Consello da Xunta autorizou esta mañá o compromiso de gasto destas bolsas para a realización de prácticas de xestión e produción de cría de bivalvos durante dous anos no Instituto Galego de Formación en Acuicultura

A elas a Consellería do Mar destina algo máis de 93.000 euros e os titulados realizarán as prácticas laborais nun ámbito de empresa ficticia no que se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero no que a titularidade é da Administración

Con iniciativas coma esta o Executivo galego busca favorecer a capacitación das persoas tituladas no ciclos de acuicultura e ofrecer unha formación integral para facilitar o seu acceso ao mundo laboral
 

O Consello da Xunta autorizou esta mañá o compromiso de gasto para a convocatoria de catro bolsas de formación dirixidas a titulados de ciclos formativos en materia de acuicultura.
Estas bolsas de especialización son para a realización de prácticas de xestión e produción de cría de bivalvos durante dous anos no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) da Illa de Arousa e a elas a Consellería do Mar destina algo máis de 93.000 euros.

As estadías serán en réxime de empresa tutelada, é dicir, os titulados realizarán as prácticas laborais nun ámbito de empresa ficticia no que se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero no que a titularidade é da Administración responsable do proceso de formación. Isto implica que cada unha das persoas beneficiadas polas bolsas contará con titores que designará a Consellería do Mar e que se encargarán de elaborar un plano formativo para as persoas beneficiarias das bolsas.

Poderá optar a estas bolsas o alumnado titulado nalgún dos centros formativos situados en Galicia como técnicos/as medios en Operacións de Cultivo Acuícola, técnicas/os medios en Cultivos Acuícolas, técnicos superiores en Produción Acuícola e técnicos superiores en Acuicultura, sempre que non fosen beneficiarios de axudas similares para o mesmo fin.

O importe de cada bolsa inclúe unha asignación mensual bruta de 900 euros e a alta no réxime xeral da Seguridade Social. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día que se publique a orde da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Nela as persoas interesadas poderán consultar as bases e requisitos para a presentación de solicitudes.

Mediante a formación práctica que se ofrece a través destas bolsas, a Xunta busca favorecer a capacitación dos titulados no ciclos de acuicultura e ofrecer unha formación integral e perfeccionada. O obxectivo de iniciativas coma esta é favorecer a especialización do alumnado e facilitar o seu acceso ao mundo laboral.