O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participaron hoxe na reunión do Diálogo Social

A Xunta de Galicia propón aos integrantes da Mesa do Diálogo Social a creación dun grupo de traballo para seguir perfilando a candidatura galega aos fondos Next Generation

A candidatura galega segue aberta a novas propostas coas que actualizar e mellorar os 354 proxectos actuais

Preténdese involucrar ás pemes galegas para que sexan as principias beneficiarias destes fondos

O Goberno galego apela aos axentes socioeconómicos a manter o diálogo social como mellor vía para aproveitar esta oportunidade excepcional coa que sacar adiante un proxecto que determinará a evolución económica de Galicia para a próxima década

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañados tamén por responsables da Consellería de Facenda e Administración Pública, participaron esta tarde nunha reunión cos integrantes da Mesa do Diálogo Social –á que asistiron a Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos CCOO e UGT– na que propuxeron a creación dun grupo de traballo para poder seguir perfilando, xuntos, a candidatura galega aos fondos europeos Next Generation.

Deste xeito, a Xunta segue adiante coa súa estratexia na que está buscando a participación activa do tecido económico mediante a celebración de foros sectoriais; involucrar ao sector público a través da Comisión Next Generation Galicia que conta coa representación de todas as consellerías; xerar consensos escoitando as achegas do Comité de expertos económicos, coa Comisión de Reactivación no Parlamento galego ou, como hoxe, intensificando o diálogo social.

Ata que o Goberno anuncie cales serán as convocatorias públicas que rexerán a posterior asignación de fondos, este segue sendo un proceso aberto, polo que a creación deste novo grupo de traballo sería un instrumento que sumaría á hora de seguir mellorando a candidatura galega. Neste sentido, Conde e Lorenzana lamentaron que o Goberno central non facilite os criterios que permitan coñecer como se van xestionar as axudas e cando se van asignar.

Na reunión, os asistentes puideron coñecer a candidatura galega que chega a esta fase actualizada e mellorada cun total de 354 proxectos -247 públicos e 107 privados- cunha mobilización global que podería acadar os preto de 20.000 millóns de euros. Iniciativas que teñen como obxectivo impulsar a recuperación económica e a dobre transición dixital e enerxética poñendo o foco sobre cinco cadeas de valor identificadas para buscar o maior impacto posible: economía circular e transición enerxética; mobilidade sustentable; hubs de innovación, Industria 4.0 e TICs; cadea mar-industria e agro-industria; así como sanidade e modos de vida saudable.

Tal e como explicou Conde, estes proxectos perseguen involucrar as pemes para que sexan as principais beneficiarias dos fondos, tendo en conta que xunto coas microempresas suman o 96% do tecido galego. Tamén incidiu na necesidade de apostar pola colaboración público-privada na xestión e execución dos fondos e lembrou que unha sociedade impulsora se encargará de acelerar a consolidación de novos proxectos empresariais tractores procurando a participación das pemes galegas.

Os dous conselleiros apelaron durante a reunión ao diálogo e unión de todos e a todos os niveis para aproveitar esta oportunidade excepcional coa que sacar adiante un proxecto que determinará a evolución da economía galega na próxima década.

Imaxes relacionadas