O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe nunha mesa redonda organizada por EAPN sobre este tema

A Xunta destaca que o novo modelo de residencias atenderá ás necesidades evidenciadas tras a pandemia

O seu obxectivo será lograr unha maior coordinación sociosanitaria, melloras arquitectónicas e apostar pola tecnoloxía

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou que o novo modelo de residencias “atenderá as necesidades evidenciadas tras a pandemia da covid-19 e mellorará estes servizos para a nova era que comeza”. Así o manifestou durante a súa intervención na mesa redonda organizada por EAPN baixo o título ‘Experiencias de mayores durante la pandemia: la necesidad de un cambio en el modelo sociosanitario’, na que participaron as conselleiras da área social de Asturias e o País Vasco.

Antón Acevedo sostivo que entre os obxectivos deste novo modelo estará unha maior coordinación sociosanitaria, melloras arquitectónicas e a aposta pola tecnoloxía. Un proxecto no que xa está a traballar o comité asesor sociosanitario creado nos últimos meses polo Goberno galego e no que participan persoas de todos os ámbitos implicados.

O director xeral apuntou que este novo modelo buscará extraer todas as leccións e experiencias vividas nos últimos meses nas residencias, ampliar a participación de todos os axentes implicados nos coidados das persoas maiores e lograr así do máximo consenso.

Xornada de Agasede

Antón Acevedo participará tamén esta tarde nunhas xornadas organizadas pola Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede) co título ‘Modelos de ACP, más allá del covid’ e á que tamén asistirán representantes e directivos de centros residenciais para tratar como mellorar a atención e crear centros que garantan o benestar das persoas maiores.

Imaxes relacionadas