Feijóo constata que a pesar da pandemia Galicia segue sendo a comunidade con máis investimento por habitante e a terceira autonomía de réxime común con menos débeda por habitante

Destaca que o gasto extraordinario pola covid na comunidade con cargo ao orzamento autonómico ascende a 629 millóns

Salienta a aprobación dun Plan de reactivación e dinamización co obxectivo de mobilizar un montante global que superou os 3.000 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 15 abril de 2021

Logo de avaliar no Consello da Xunta o informe do peche orzamentario do ano 2020, presentado pola Consellería de Facenda e Administración Pública, Feijóo destacou hoxe que, a pesar da pandemia, Galicia segue sendo a comunidade con máis investimento por habitante e a terceira autonomía de réxime común con menos débeda por habitante de España.

Nesta liña, fixo fincapé en que en 2020 Galicia liderou o esforzo investidor en toda España, sendo a comunidade autónoma con maior peso do investimento sobre o total de gasto non financeiro, co 13,5%, practicamente o dobre que a media, que se situou no 7,2%.

E recalcou que en 2020, Galicia pagou nunha media de 18,7 días aos seus máis de 14.800 provedores, fronte a 34,5 días da media de comunidades autónomas. “Por tanto, as facturas en Galicia páganse na metade de tempo que no resto de España”, concluíu, engadindo que se pagaron 3.380 millóns de euros nun total de 606.827 facturas.

No tocante ao control de déficit e débeda, o responsable do Executivo galego salientou que Galicia pechou 2020 cun déficit do 0,1% do PIB polo que se cumpriron as regras de déficit establecidas polo Goberno central.

Mantendo un déficit do 0,1%, Galicia cerrou o ano pasado cun diferencial de débeda coa media autonómica de 7,2 puntos, o máximo histórico. Ademais, foi a terceira comunidade de réxime común con menor endebedamento, cun 19,9% de ratio débeda/PIB, por un 27,1% de media das comunidades. O presidente da Xunta subliñou tamén que Galicia é a comunidade con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008.

Medidas para afrontar a pandemia

Nesta liña, o presidente da Xunta destacou que o gasto extraordinario pola covid na comunidade con cargo ao orzamento autonómico ascende a 629 millóns: 270,3 millóns destináronse a sanidade, 115,8 millóns a educación, 70,2 a políticas sociais e 53,7 a emprego. Ademais, destacou que a Administración autonómica fixo un esforzo adicional de 90 millóns de euros, pois tivo que gastar esa cantidade por riba dos recursos recibidos para a xestión da pandemia.

Ao longo da súa comparecencia, o titular do Goberno galego recordou que no mes de marzo do pasado ano aprobouse un Plan de Tesourería, con 1.800 millóns de euros para dotar de liquidez á Comunidade co fin de garantir o pago a provedores con independencia de como evolucionara a pandemia e do seu impacto na economía. “O obxectivo era pagar en 15 días e cumprimos”, engadiu, lembrando que no mes de marzo a Xunta pagou as facturas, de media, en 14,5 días.

Igualmente, e de maneira tamén inmediata, Feijóo destacou a decisión de suspender os prazos das autoliquidacións dos impostos de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados, dos impostos de Sucesións e Doazóns e dos tributos do Xogo; unha medida que se ampliou ata o 1 de novembro. Trátase dunha medida que beneficiou a 43.000 familias galegas.

A terceira decisión que destacou foi a creación dun Fondo Covid-19 grazas á reprogramación de gastos por valor de 100 millóns de euros, que se destinaron a sanidade, servizos sociais e educación.

Por outra banda, o titular da Xunta resaltou a reactivación de maneira inmediata, xa na primeira semana de abril, das obras en execución suspendidas polo primeiro estado de alarma, o que supuxo un total dunhas 100 obras.

Tamén se aprobou un Plan de reactivación e dinamización co obxectivo de mobilizar un montante global que superou os 3.000 millóns de euros, dos cales máis de 1.700 millóns foron recursos públicos e algo máis de 1.300 millóns, mobilizacións de recursos sobre todo privados.

Imaxes relacionadas