Emigración e a Asociación Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia firman un acordo de colaboración para facilitar a inserción persoal e profesional dos bolseiros BEME

Este acordo permitirá establecer accións de colaboración co obxectivo de difundir, acompañar, informar e formar aos galegos do exterior que acceden a unha bolsa para estudar un mestrado nunha das tres universidades galegas

A Secretaría Xeral destinará a este fin 25.000 euros

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda firmou esta mañá, na sede da Secretaría Xeral, un acordo de colaboración coa presidenta da Asociación de Jóvenes Emigrantes de Galicia, María Belén Rosbier Gómez, co obxectivo de poñer en marcha accións para favorecer o retorno e a integración dos galegos do exterior que acceden a unha bolsa de excelencia BEME co obxectivo de estudar un mestrado nunha das tres universidades galegas.

A Secretaría Xeral da Emigración destinará a este fin 25.000 euros que facilitará a posta en marcha de accións de colaboración entre ambas entidades co obxectivo de difundir, acompañar, informar e formar ás persoas galegas que residan no exterior, así como as que retornen á comunidade autónoma.

Deste xeito, a Asociación levará a cabo actividades informativas e formativas que favorecerán a inserción social e laboral das persoas emigrantes retornadas a Galicia como bolseiros do programa BEME, a través de xornadas e diferentes eventos, tamén realizarán o apadriñamento dos alumnos das bolsas de mestrado que permitirá poñer en contacto a antigos bolseiros con novos, favorecendo a integración académica e social nas universidades galegas.

“Non podemos esquecer que esta asociación axudará a apoiar e facilitar a inserción persoal e profesional de case 800 persoas, entre as 600 que xa chegaron nos pasados anos tanto a facer este tipo de formación, como as 200 que serán beneficiadas con estas bolsas para o próximo curso 2021/22”, explicou Rodríguez Miranda.

A Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia foi constituída no ano 2019 por bolseiras de primeira convocatoria destas bolsas, e entre os seus fins tamén se atopan organizar actividades culturais e sociais para mozos e mozas, así como difundir e promocionar actividades en Galicia.

Imaxes relacionadas