A Xunta reforza a súa coordinación permanente con Portugal en materia de prevención e extinción de incendios forestais

O director xeral de Defensa do Monte recibiu ao adxunto de Operacións do Comando da Forza Especial de Protección Civil (FEPC) de Portugal para intercambiar experiencias e coñecementos

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, recibiu no Centro de Coordinación Central de Defensa Contra Incendios Forestais de Santiago ao adxunto de Operacións do Comando da Forza Especial de Protección Civil (FEPC) de Portugal, Fabio Silva, para reforzar a colaboración e coordinación entre administracións en materia de prevención e extinción de incendios forestais.

Así, ambos dirixentes intercambiaron experiencias e coñecementos para reforzar a capacidade operativa de ambos dispositivos de loita contra incendios e manter unha coordinación permanente entre ambas administración. Neste senso, analizáronse os protocolos xa existentes de colaboración co fin de poder mellorar aspectos técnicos que redunden de forma positiva na loita contra os lumes e na propia protección dos montes galegos e portugueses.

Tamén abordaron o proxecto Interlumes, presentado esta semana, que permitirá a posta en funcionamento da primeira base transfronteiriza de medios aéreos para a loita contra os lumes forestais, cun investimento total que superará os nove millóns de euros. Dita instalación situarase en Verín e permitirá dar unha mellor e máis adecuada resposta ao risco nunha ampla área a ambos lados da fronteira entre España e Portugal, tanto pola súa localización como polas súas posibilidades de acoller diferentes tipos de aeronaves especializadas.

Na reunión, o director xeral explicoulle o sistema operativo galego de vangarda e mando único, con capacidade de resposta e toma de decisións automática, ademais de presentarlle o programa Xeocode lite e o sistema integral de resposta temperá de vixilancia e detección de incendios forestais. Tamén percorreron as instalacións do Centro de Coordinación Central, onde o representante portugués puido coñecer de primeira man o seu funcionamento.

Por último, o representante luso desprazouse ata o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude para impartir unha charla a técnicos do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (SPDCIF), onde explicou as características do sistema portugués de loita contra os incendios forestais.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural