Arias destaca que os descontos por recorrencia que aplica a Xunta desde o 1 de abril permiten a calquera cidadán aforrar ata un 50% do custo das súas viaxes en bus

O delegado territorial de Lugo explicou que desde principios de abril aplícanse bonificacións por desprazamentos recorrentes que sexan pagados coa tarxeta moedeiro TMG en todo o territorio da provincia

Poden beneficiarse dos descontos os tránsitos habituais con orixe ou destino entre os mesmos concellos ou dentro dun único municipio

A rebaixa será do 25% ao superar as 20 viaxes dentro do mesmo mes e acadará o 50% a partir de 40 viaxes
 

Monforte de Lemos (Lugo), 15 de abril de 2021

As melloras introducidas pola Xunta nas condicións dos novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia permiten a calquera cidadán aforrar ata o 50% do custe das súas viaxes frecuentes en autobús en calquera parte do territorio, sempre que teñan orixe ou destino entre os mesmos concellos ou se realicen dentro dun único municipio.

Así o destacou hoxe en Monforte de Lemos o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, quen explicou que os novos descontos beneficiarán especialmente “ás persoas que son usuarias habituais do bus porque viaxan a diario para traballar ou estudar fóra dos seus lugares de residencia”, pero tamén “a quen teña que desprazarse de xeito recorrente por calquera outro motivo, como asistir a consultas médicas, realizar trámites administrativos ou facer uso de diversos servizos”.

As bonificacións aplícanse desde principios de abril, unha vez se dispuxo das aplicacións e sistemas tecnolóxicos necesarios para a súa materialización. Para acceder a elas é preciso pagar coa tarxeta moedeiro TMG e realizar tanto a ida como a volta co mesmo concesionario. A rebaixa no prezo dos billetes é do 25% cando se superen as 20 viaxes no mesmo mes natural, e acada o 50% de desconto a partir das 40 viaxes.

Arias fixo esta mañá o traxecto en bus entre Monforte de Lemos e Bóveda para destacar que esta medida supón estender a toda a Comunidade as vantaxes que xa tiñan os usuarios frecuentes do autocar nas Áreas de Transporte Metropolitano, onde xa se realizaban descontos por recorrencia nas tarifas aplicadas.

Funcionamento da tarxeta TMG

O modo de funcionamento das novas rebaixas implica que, no momento de pagar a viaxe, aos usuarios descóntaselles nas súas tarxetas TMG o importe íntegro do billete, debido a que o cálculo se fai unha vez rematado o mes natural.

Despois de que a empresa concesionaria remita os datos, a Administración autonómica procesaraos para determinar o importe que lle corresponde a cada tarxeta por este desconto por recorrencia.

A continuación, a Xunta aboará o pagamento dese importe ás persoas usuarias, o día 1 do mes seguinte ao do procesamento da información. É dicir, os descontos correspondentes ao mes de abril procesaranse en maio e recibiranse o 1 de xuño.

Para completar o proceso de reintegro, os cidadáns só teñen que achegarse aos caixeiros automáticos da entidade financeira colaboradora, Abanca, para recibir o importe que lle corresponde por recorrencia na súa tarxeta TMG.

Esta rebaixa nos prezos dos billetes vense sumar aos distintos bonos xa incluídos nos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia dos que xa se están a beneficiar os usuarios recorrentes do autobús interurbano, así como a outros descontos incorporados polos operadores nas ofertas presentadas ao concurso público, que tamén están en funcionamento.

O conxunto de todas estas posibilidades permite que a cidadanía poida contar con prezos máis económicos no transporte público e rebaixas adaptadas ás situacións particulares.

Cómpre lembrar que as áreas de transporte metropolitano constituídas, como a de Lugo, xa contan con bonificacións propias para os usuarios da tarxeta TMG e nelas tamén os menores de 21 anos viaxan gratis coa utilización da tarxeta Xente Nova.

A Xunta está a traballar para ampliar estas vantaxes ao conxunto de Galicia, a través da Área de Transporte de Galicia, á que se poderán adherir de xeito voluntario os concellos, e tamén coa extensión, a todo o territorio, da tarxeta Xente Nova coa que os menores de 21 anos viaxan de balde no autobús da Xunta, prevista para o mes de maio.
 

Imaxes relacionadas