A Xunta asume integramente o investimento final, de 82.000€, para a creación do novo comedor do CEIP San Tomé de Cambados

O delegado territorial, Luis López, visita este novo servizo escolar, que xurde da conversión da antiga vivenda do conserxe, de 200 m2, en comedor, espazo educativo, aseos accesibles e local para a Anpa

O convenio entre a Consellería de Educación e o Concello extinguiuse o 31 de decembro e a administración local non aceptou a súa prórroga malia que o retraso na entrega do proxecto de obra, de 20 días, foi debido a cuestións municipais

Cambados, 15 de abril de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de rematar as obras de construción do novo comedor escolar do CEIP San Tomé de Cambados, no que se investiron uns 100.000€ para contar cunhas instalacións con espazo suficiente para ofrecer este servizo.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, achegouse ata este centro xunto co xefe territorial de Educación, César Pérez, e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, para supervisar unhas obras consistentes na conversión da antiga vivenda do conserxe e un espazo do patio cuberto existente nun recinto de 200 m² que alberga, ademais do comedor, unha dependencia de atención educativa, aseos accesibles para persoas con discapacidade e un local para a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa).

“A Xunta de Galicia ten un compromiso palpable, como demostran os feitos, coa educación pública e con todos os servizos vencellados á mesma e por iso apostamos por construir este comedor, xa que consideramos que é unha necesidade que mellora o centro e que favorece a conciliación das familias”, explicou Luis López, que engadiu que a Xunta investiu máis de 335.000€ neste colexio nos últimos anos en obras de gran calado, entre as que se inclúe a reparación da cuberta, e outros 40.000€ máis nas denominadas obras menores en fiestras, aseos, arranxos ou informatización, entre outras.

Iso si, o remate desta obra foi posible grazas a que Consellería de Educación asumiu integramente o investimento final, cifrado en 82.000€, para a execución completa deste servizo, xa que o convenio entre a Xunta e o Concello de Cambados, que fixaba o financiamento ao 50%, extinguiuse o pasado 31 de decembro e a administración local non aceptou a súa prórroga -recollida no acordo- malia que o único retraso que se produciu, duns 20 días, debeuse á entrega do proxecto de obra, que era unha cuestión municipal.

Deste xeito, o Concello só participou na primeira certificación da obra, correspondente co mes de decembro, asumindo a metade do seu custo, cifrado en 9.425€, polo que o importe restante, de máis de 90.000€, foi sufragado polo Goberno galego.

“Para a Xunta de Galicia o importante son as nenas, os nenos e as familias de Cambados e por iso, malia que a nosa actuación foi dilixente e eficaz, decidimos acometer a obra para non prexudicalos, porque temos un compromiso cos cidadáns e coa educación pública que trascende calquera situación como a que se produciu”, detallou o delegado territorial.

Imaxes relacionadas