O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e o da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) participaron na Comisión 7ª do Parlamento

A partir do verán poderá atoparse xa no mercado produto amparado co selo de Artesanía Alimentaria de Galicia

Así o anunciou o responsable da Agacal, quen engadiu que este indicativo traerá vantaxes aos produtores, como a de dispor dun aval de garantía para as súas producións ou beneficiarse das campañas de promoción que faga a Xunta

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias sinalou que Galicia defende unha transición axeitada e con medidas correctoras para equiparar as axudas á renda da PAC por rexións

José Balseiros lembrou que as comunidades cantábricas manteñen unha postura común neste asunto para reducir as diferenzas na contía das axudas por hectárea entre territorios, corrixindo as que se dan nas superficies con dereitos

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, anunciou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento que a partir do vindeiro verán poderá atoparse no mercado produto amparado co selo da Artesanía alimentaria. Isto suporá, destacou, diferentes vantaxes para os produtores, como son dispor dun aval que garantirá a calidade das súas producións ou beneficiarse das campañas de promoción que faga a Xunta.

En resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, o responsable da Agacal engadiu que a regulación da Artesanía alimentaria vai abrir novas oportunidades ás empresas agroalimentarias galegas, como tamén o vai facer a futura lei de calidade alimentaria galega, un proxecto no que se está a traballar por parte da Xunta. Esta iniciativa ten un dobre obxectivo: por un lado, garantir a calidade de toda a produción alimentaria da nosa comunidade con base no cumprimento rigoroso da normativa de aplicación e, por outra parte, potenciar as nosas producións de calidade diferenciada -as que teñen unha maior reputación no mercado-.

Axudas da PAC

Por outra parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, contestou outra pregunta sobre a Política Agrícola Comunitaria (PAC). Neste sentido, afirmou que Galicia e as demais comunidades da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) defenden un período de transición axeitado e con medidas correctoras para facilitar o avance cara a equiparación entre as diferentes rexións da axuda básica á renda.

Trátase, dixo, de reducir as diferenzas na contía das axudas por hectárea entre os territorios PAC, pero tamén con correccións das diferenzas de porcentaxe de superficies con dereitos de axuda. José Balseiros debullou a postura común acadada entre estas catro comunidades cara á negociación da futura PAC en aspectos como as axudas á renda dos agricultores e gandeiros, a definición de agricultor xenuíno, as axudas asociadas ou os ecoesquemas, entre outras medidas previstas

Así, en relación coa figura de agricultor xenuíno, lembrou que se avoga por definila a partir dunha porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os totais que se propón que sexa igual ou superior ao 30%. Neste sentido, o director xeral amosou a oposición á proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) de considerar tamén como agricultores xenuínos ás persoas con axudas directas inferiores a certa cantidade, con independencia da súa porcentaxe de ingresos agrarios.

Sobre as axudas asociadas, Galicia e as outras tres autonomías apostan por mantelas para o vacún, ovino e cabrún, cunha dotación semellante ao período 2014-2020. Con respecto aos ecoesquemas, mantense un rexeitamento aos inicialmente propostos polo Mapa, nos que se abordan principalmente problemas e realidades do centro e sur peninsular.

Couza da pataca

Por último, en resposta a outra pregunta sobre a couza guatemalteca da pataca, José Balseiros defendeu a transparencia e o rigor da Xunta na xestión desta praga. Así, sinalou que o Plan de Acción para a súa erradicación e control é público e pode consultarse na web da Consellería do Medio Rural. Ademais, trasladou que os concellos afectados teñen acceso a toda a información, xa que na comisión de seguimento creada ao efecto está presente a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). En relación coas sancións por incumprimentos nesta materia, o director xeral indicou que entre o 2019 e o 2020 impuxéronse nos concellos afectados un total de 118 multas, por un importe total de algo máis de 65.000 euros.

Imaxes relacionadas