A Consellería do Medio Rural destina 129.000 euros a acondicionar 3,4 quilómetros de camiños en Portomarín

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou as obras executadas nas pistas a Pardellas e O Vilar, e anunciou o arranxo da que conecta Cabanas e San Xulián

Explicou que a Xunta destina preto de 7,4 millóns de euros á mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas da provincia a través do Plan Marco e o Plan de Infraestruturas Rurais

Portomarín (Lugo), 15 de abril de 2021

A Xunta de Galicia inviste 129.000 euros no acondicionamento de tres camiños do municipio de Portomarín, os que dan acceso a Pardellas e O Vilar, xa reformados, e o que conecta Cabanas e San Xulián, que se executará proximamente. En total, suman 3,4 quilómetros de pistas.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as actuacións rematadas en compañía do alcalde, Juan Serrano, entre outros, e explicou que corresponden a senllos programas que xestiona a Consellería do Medio Rural para manter en bo estado as infraestruturas viarias “con fin de facilitar a mobilidade e as condicións de traballo no rural galego”.

En concreto, investíronse 48.200 do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) no arranxo de 1 quilómetro de pista no acceso a Pardellas. Pola súa banda, o Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas posibilitou a reforma do acceso ao Vilar, de 915 metros de lonxitude, e prevé a mellora de 1,5 quilómetros no camiño entre Cabanas e San Xulián nos vindeiros meses (convocatoria de 2021-2022).

Todas as vías contan cun ancho entre 3 e 4 metros, e os traballos que se realizan consisten na regularización do firme e a posterior extensión e compactación dunha capa de cinco centímetros de espesor de mistura asfáltica en quente. Tamén se procede á limpeza das cunetas para mellorar a drenaxe lonxitudinal da vía.

Arias lembrou que o PIR e os plans Marco actualmente en vigor suman un investimento de 7.442.700 euros na provincia de Lugo. Polo que respecta ao segundo, participan todos os concellos da provincia; estase rematando co proceso de execución e xustificación das obras comprometidas na edición 2020-2021 e iniciando as novas contratacións.

En canto ao PIR, contempla doce actuacións que benefician a 15 municipios lucenses, todas elas xa contratadas e varias delas mesmo en execución.

Imaxes relacionadas