Luis López prepara os operativos de emerxencias na provincia de Pontevedra nunha reunión cos responsables técnicos

O delegado territorial considera “fundamental” ter o dispositivo actualizado para seguir dando respostas “áxiles e eficientes” á cidadanía en caso de incidencia

Deuse conta dos plans de emerxencia exterior, do funcionamento do Posto de Mando Avanzado e dos plans fronte ao lumes, xa que a declaración da 'Situación 2' é competencia do representante autonómico

A área territorial ampliará a sete os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e dispón de sete parques de Bombeiros e 34 agrupacións de Protección Civil

Pontevedra, 14 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, vén de preparar os operativos de emerxencias na área territorial no marco dunha reunión celebrada esta mañá no Edificio Administrativo de Campolongo cos responsables técnicos provinciais deste servizo.

“Creo que é fundamental ter o dispositivo plenamente actualizado, con todas as ferramentas e os medios humanos e materiais perfectamente engraxados, xa que debemos seguir dando sempre unha resposta áxil e eficiente á cidadanía en caso de incidencia”, sinalou o representante autonómico, que lembrou que este servizo “nunca pode baixar a garda e debe estar sempre alerta malia que o día a día nos xere unha sensación de tranquilidade”.

“Hai uns días tivemos que lamentar un gran lume no polígono lucense do Ceao que nos dá boa mostra do que, por desgraza, pode suceder en calquera momento e ademais xa estamos en época de risco medio de lumes forestais, que se elevará ao máximo nivel no verán, polo que creo que este tipo de encontros son clave para ter a organización, a loxística e o operativo perfectamente definidos”, indicou Luis López.

No encontro, no que deu a benvida a Miguel Pérez Dubois como novo Xefe de Servizo Provincial Emerxencias, o delegado territorial afondou nas competencias da Xunta para a coordinación e dirección, xestión de servizos e xestión de emerxencias, neste caso cando os medios locais non teñan capacidade de resposta, e coñeceu os tres plans de emerxencia exterior existentes na área territorial e tamén a operativa do Posto de Mando Avanzado, xa que, como delegado territorial, é o encargado da dirección do Nivel 1 en base ao Plan de Emerxencias de Galicia (Platerga) no seu ámbito.

Así mesmo, Luis López tamén coordinou o funcionamento ante os lumes forestais, en base ao Pladiga e ao Peifoga, xa que ten as competencias na declaración da 'Situación 2' a proposta do Centro de Coordinación e a dirección da emerxencia con accións que inclúen a mobilización de recursos, a evacuación ou confinamento e as labores de información.

“A Xunta de Galicia sempre ten unha sensibilidade especial na loita contra os lumes forestais, xa que son auténticos crimes contra o noso territorio, o noso medio ambiente e os cidadáns, e traballamos para seguir sendo eficientes ante a súa aparición, que agardamos que non se produza, pero ante a que temos que estar o mellor preparados posible”, indicou.

Finalmente, o representante autonómico tamén afondou sobre a planificación territorial da atención ás emerxencias na área, que están atendidas por sete parques de Bombeiros, 34 agrupacións de Protección Civil e os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que vanse ampliar a sete coas incorporacións da Cañiza, A Lama e Mos-Redondela.

Imaxes relacionadas