A Xunta investirá 334.000 euros nas obras de reforzo do firme nos cinco quilómetros da estrada LU-741 entre o núcleo da Pontenova e o lugar de Aldeguer

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que os traballos, recentemente licitados, terán un prazo de execución estimado de seis meses

Enmárcanse nun contrato de mellora de tres vías da provincia de Lugo, que tamén inclúe actuacións na LU-636 e a LU-546 cun orzamento global de 1,7 millóns de euros
 

A Pontenova (Lugo), 14 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investirá 334.500 nas obras de reforzo do firme na estrada LU-741, que comunica o núcleo da Pontenova co lugar de Aldeguer (onde conecta coa estrada provincial LU-P-1904).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que a mellora executarase en toda a lonxitude da vía, de 5,13 quilómetros. Os traballos, licitados recentemente, teñen un prazo de execución estimado de seis meses.

As obras incluirán a execución de fresados localizados e reposición do firme con mestura bituminosa en quente a carril completo no treito urbano da Pontenova. A partir dese punto e ata o final da estrada de titularidade autonómica en Aldeguer dotarase a vía dunha nova capa de mestura bituminosa en quente en todo o ancho da plataforma e en todo o percorrido. Posteriormente renovarase a sinalización horizontal.

Arias explicou que a actuación está incluída nun contrato de reforzo do firme en tres estradas autonómicas, que tamén contempla melloras na LU-636 ao seu paso por Becerreá e na LU-546 -entre Nadela (Lugo) e Maceda (O Corgo) e na travesía de Sarria-. Todas estas actuacións foron licitadas recentemente por un importe total próximo aos 1,7 millóns de euros. As empresas interesadas en presentar ofertas a este contrato poden facelo ata o día 19 de abril.

O delegado salientou que a Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), segue a planificar obras co fin de modernizar as estradas da provincia de Lugo e garantir a seguridade no tránsito.

Imaxes relacionadas