O conselleiro do Medio Rural respondeu unha interpelación no Parlamento de Galicia

A Xunta non aprecia un efecto chamada na plantación de eucaliptos tras anunciar a suspensión temporal das novas plantacións naquelas superficies onde non os había

José González advertiu que o Goberno galego está vixilante nesta materia e puxo en valor que entre 2016 e 2020 tramitáronse máis de 1.700 expedientes sancionadores e por riba dos 7.400 apercibimentos no ámbito forestal

Anunciou ademais un plan especial de control de novas plantacións que se porá en marcha unha vez entre en vigor a medida, contemplada na futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para asegurar o seu cumprimento

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

A Xunta non detectou un “efecto chamada” con respecto á plantación de eucaliptos tralo anuncio da suspensión temporal de novas plantacións desta especie naquelas superficies onde non os había. En resposta a unha interpelación sobre este asunto, o conselleiro do Medio Rural, José González, matizou esta tarde no Parlamento que, en todo caso, a tempada de primavera é a “época ordinaria para realizar plantacións” e que polo tanto resulta “evidente que estas se produzan” arestora. De feito, engadiu, cada ano córtanse arredor de 20.000 hectáreas de eucalipto en Galicia e lembrou que a covid-19 limitou as plantacións no tempo do confinamento do ano pasado.

O titular de Medio Rural advertiu ademais que a Xunta está vixilante diante de posibles incumprimentos da normativa sobre a materia e, neste sentido, trasladou que entre 2016 e 2020 tramitáronse nos servizos xurídicos máis de 1.700 expedientes sancionadores en relación coa actividade forestal, e máis de 7.400 apercibimentos. Na mesma liña, anunciou que este labor vaise reforzar, xa que “unha vez entre en vigor a devandita Lei de recuperación, poñerase en marcha un plan especial de control de novas plantacións que asegure o cumprimento da suspensión temporal aprobada”.

Regulación temporal

José González lembrou que todas as plantacións que respecten o marco legal vixente están permitidas e aquelas que non o cumpran “serán denunciadas, como sempre foron”. Puntualizou que a medida é unha regulación temporal que, unha vez entre en vigor, adopta un control, primeiro, na prohibición de novas plantacións e en segundo termo na permisión de replantacións só naqueles terreos nos que xa había esta especie cumprindo a legalidade vixente.

A maiores, o conselleiro sinalou que a suspensión temporal das novas plantacións en lugares nos que non había eucalipto fundaméntase en criterios técnicos e normas para limitar a súa expansión de xeito efectivo, dentro da aposta do Goberno galego por un monte “multifuncional, diverso e sustentable, que xere riqueza e postos de traballo”. Neste sentido, José González lembrou que o eucalipto permite que máis de 80.000 familias poidan ter ingresos e advertiu que os seguirán tendo, uns 200 millóns de euros de ingresos cada ano. Estas políticas, engadiu, sustentan o Plan Forestal de Galicia, que definiu como unha iniciativa que ten o máximo consenso.

Por último, José González aclarou que a suspensión temporal das novas plantacións de eucalipto enmárcase na realización do Inventario Forestal Continuo posto en marcha pola Xunta.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural