Lete Lasa destaca a alianza de Patricia Suárez e Antón Paz como “un proxecto de futuro e de éxito para a vela galega”

Lembra o apoio brindado pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da entrega ao Centro Galego de Vela (CGV) dunha embarcación de vela lixeira da clase 49er FX cun investimento de 32.276,75 euros

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 14 de abril de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe un encontro de traballo coas regatistas galega Patricia Suárez e a canaria María Cantero, que forman equipo desde outubro de 2020 con claras aspiracións de representar a España nos Xogos Olímpicos de París 2024.

O mandatario galego celebrou esta sociedade galaico-canaria que “de seguro colleitará grandes resultados baixo a atenta mirada do seu adestrador Antón Paz que xa sabe o que é colgarse un ouro olímpico” en Pequín 2008, na clase Tornado xunto a Fernando Echávarri. Neste sentido, o secretario xeral destacou esta alianza como un “proxecto de éxito e de futuro para a vela galega”.

Ademais, Lete Lasa destacou que Patricia Suárez xa acadou a praza olímpica para España no 49er FX no mundial 2019 de Nova Zelanda e lembrou, ao fío dos seus últimos éxitos como regatista, o apoio brindado pola Secretaría Xeral para o Deporte a través da entrega ao Centro Galego de Vela (CGV) dunha embarcación de vela lixeira da clase 49er FX cun investimento de 32.276,75 euros financiados integramente pola Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas