A Xunta reforzará a loita contra o acoso escolar cun novo Plan integral, a creación de grupos de traballo interdisciplinares e a visibilización das condutas a prol da convivencia positiva

Román Rodríguez subliña que a mellora continua do clima escolar, avalada polos datos, debe ser “a pauta que marque a calidade do ensino en Galicia”

Anuncia que se analizará a constitución de grupos provinciais de expertos docentes, sanitarios e sociais para avaliar casos específicos da forma máis rigorosa posible

Avanza que o novo premio Con-vivimos recoñecerá ás boas prácticas de convivencia
 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

A Xunta de Galicia ten entre as súas prioridades a mellora da convivencia nas aulas e a loita contra o acoso escolar, que se reflicte no conxunto de actuacións desenvolvidas nos últimos anos ao abeiro da Estratexia Galega de convivencia escolar, Educonvives, e que agora se vaia actualizar para o período 2021-25, con novas propostas como o lanzamento dun novo plan de loita contra o acoso escolar abordado desde unha perspectiva integral, a creación de grupos de traballo interdisciplinares e o recoñecemento das boas prácticas a prol da convivencia, entre outros.

Así o explicou hoxe ante o Pleno do Parlamento de Galicia o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que insistiu na “tolerancia cero” ante calquera forma de violencia e discriminación nas aulas, “un fenómeno complexo e sensible” que é necesario combater “involucrando ao conxunto dos recursos do ensino”.

Román Rodríguez avoga por unha perspectiva construtiva e o traballo colaborativo para que “a mellora continua do clima de convivencia escolar sexa a pauta que marque a calidade da ensinanza en Galicia”. Segundo os últimos datos dispoñibles, o 85% das familias e profesorado expresan que nos seus centros non existen conflitos de convivencia, e coinciden en sinalar que, en xeral, existe un bo clima nas aulas e mesmo mellorou nos últimos anos.

Precisamente para actualizar datos, a Xunta vén de lanzar a III Macroenquisa de convivencia escolar dirixida ao conxunto da comunidade educativa. A información obtida a partir deste cuestionario servirá de base para o deseño da nova Estratexia Galega de convivencia escolar, Educonvives, que marcará a folla de ruta nos próximos cinco anos, logo do remate da actual estratexia na que se deron pasos pioneiros como a posta en marcha do Protocolo para a prevención, detección e tratamento do acoso e o ciberacoso, ou a creación do Consello para a Convivencia Escolar, o órgano consultivo nesta materia onde está representada o conxunto da comunidade educativa.

Participación de expertos

Segundo avanzou o conselleiro, nesta nova estratexia “vaise abordar esta problemática cunha mirada ampla, coa implicación doutros axentes sociais e de expertos na materia”. Con esta perspectiva vaise elaborar un novo plan de loita contra o acoso escolar a través do cal se reforzarán os protocolos de convivencia e as ferramentas de prevención e detección de situacións de acoso, e o seguimento individualizado do alumnos.

Ademais, co obxectivo de avaliar situacións específicas desde unha perspectiva máis exhaustiva, analizarase a posibilidade de crear grupos de traballo a nivel provincial con representación de expertos docentes sanitarios e de servizos sociais.

O conselleiro tamén anunciou a creación do premio Con-vivimos, para recoñecer as boas prácticas en materia de convivencia. Búscase así poñer o foco nas condutas positivas exemplares pola capacidade exemplarizante que poden ter no entorno.

Román Rodríguez aproveitou a súa intervención ante a Cámara autonómica para expresar o seu recoñecemento ao profesorado, aos centros educativos e á inspección polo “grandísimo traballo de conciliación e resolución deste tipo de problemas”, actuando “con prontitude , con prudencia e sempre respectando os dereitos das persoas afectadas”. “Isto ten que ser así para o conxunto do alumnado do ensino galego, pero moi especialmente, ten que ser así cando se trata de menores”, abondou.

III Macroenquisa sobre convivencia escolar

Así mesmo, está en marcha xa a III Macroenquisa sobre convivencia nas aulas, aberta ao conxunto das 500.000 persoas que forman a comunidade escolar entre profesorado, alumnos, familias e persoal non docente que traballa nos centros escolares, e que dispoñen ata o 29 de abril para cubrir os cuestionarios.

Segundo os últimos datos dispoñibles, seis de cada dez participantes consideran que a convivencia mellorou en 2019 con respecto a 2015. Agora, a través desta nova edición poderanse actualizar os datos recabados nas dúas edicións anteriores testar a evolución e dispor dunha trazabilidade rigorosa que permita implementar novas medidas adaptadas á realidade actual.

Ao conxunto de accións ao abeiro do Educonvives hai que engadir a aposta pola formación en materia de convivencia e a mellora das competencias profesionais con programas específicos sobre habilidades sociais, mediación escolar, cibermentoría ou educación emocional. Neste senso, Román Rodríguez referiuse tamén ao Plan de Benestar Emocional que está desenvolvendo a Consellería e que tamén contribuirá a un bo ambiente nas aulas.
 

Imaxes relacionadas