A Xunta inicia o acondicionamento das zonas verdes da senda da estrada autonómica PO-308 entre Portonovo e A Lanzada, no concello de Sanxenxo

Os traballos supoñen un investimento autonómico de preto de 95.000 euros

Acondicionarase unha banda axardinada deste itinerario peonil coa disposición de plantas, cuxo mantemento se compromete a realizar o Concello

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe a execución dos traballos de acondicionamento das zonas verdes na senda da estrada autonómica PO-308, entre Portonovo e A Lanzada, no concello de Sanxenxo.

A Xunta, aproveitando as tarefas de mantemento que se están a executar nas marxes das estradas autonómicas na provincia, está a levar a cabo traballos de axardinamento no itinerario peonil e ciclista deste tramo da vía autonómica.

Estes traballos, que contan cun investimento da Xunta de preto de 95.000 euros, permitirán acondicionar a banda axardinada da senda para colocar plantas, concretamente Agapanto, de cores branca e azul.

Para efectuar estes labores, realízanse de xeito previo o terreo compacto das zonas axardinadas, o aporte e estendido de terra vexetal e a revexetación por hidrosembra con mestura de sementes herbáceas.

O Concello de Sanxenxo asumirá ao remate das obras da Xunta o mantemento destas novas zonas axardinadas.

Imaxes relacionadas