A Xunta reforza o seu apoio ao festival Bal y Gay, unha das mellores citas de música clásica en pequeno formato de Galicia

Anxo M. Lorenzo destaca a calidade desta cita e a importancia de fomentar iniciativas que promovan o turismo cultural e saian dos circuítos habituais

A primeira entrega comezará o 14 de maio co ciclo ‘Schubert no Camiño’, mentres que a edición de verán será entre o 18 e o 26 de agosto

A música comparte protagonismo coa historia, o patrimonio ou a pasaixe en espazos como a Fábrica de Sargadelos, a Basílica de San Mariño de Foz ou a Catedral de Mondoñedo
 

Madrid, 14 de abril de 2021

A Xunta de Galicia vén de reforzar o seu apoio co festival Bal y Gay, unha das mellores citas de música clásica en pequeno formato que se celebran en Galicia e que hoxe foi presentada na Casa de Galicia en Madrid nun acto no que participou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

O representante do Goberno galego felicitou aos organizadores polo traballo feito para programar unha cita cultural “de primeiro nivel” e destacou a importancia de que este festival, que se celebra na Mariña lucense, teña lugar nos meses de maio e agosto “involucrando a toda a comarca e fomentando o turismo cultural”. “O festival Bal y Gay é hoxe unha das mellores citas de música clásica en pequeno formato que se celebran na Comunidade galega”, salientou.

Nesta mesma liña, Anxo M. Lorenzo precisou que a Administración autonómica reforza o seu apoio con esta iniciativa co fin de facilitar unha programación “de calidade que se saia dos circuítos habituais nos que a música comparte protagonismo coa historia, o patrimonio ou a paisaxe e que está vencellada cos recursos propios da zona como o Camiño de Santiago”.

O festival Bal y Gay 2021 comezará no mes de maio co ciclo Schubert no Camiño asociado á Ruta Xacobea e en colaboración coa Schubertiada de Vilabetrán. Nesta primeira entrega levaranse a cabo tres concertos en tres etapas do Camiño do Norte. A primeira destas citas será o 14 de maio e correrá a cargo da pianista Judith Jáuregui, na Basílica de San Martiño (Foz). Na xornada do día 14 actuarán Cuarteto Cosmos e o violonchelista Fernando Arias na igrexa de Santa María, en Vilanova de Lourenzá. O último concerto será o día 16 na Catedral de Mondoñedo co tenor Christoph Prégardien e o pianista Daniel Heide.

‘Música á beira do mar’

A edición de verán celebrarase entre os días 18 e 26 de agosto baixo o título Música á beira do mar que inclúe as actuacións de Cuarteto Seikilos (xoves 18 no Pazo do Conde de Fontao de Foz), Cantoría (venres 19 na igrexa de Santiago de Foz), o pianista Javier Perianes (sábado 20 no auditorio Hernán Naval de Ribadeo) e a Orquestra de Cámara do Festival Bal y Gay coa cantaora María Toledo, dirixidos por Jaume Santoja (domingo 21 no auditorio de Mondoñedo).

A programación prevista para a segunda entrega continuará o martes 24 co guitarrista Pablo Sáinz-Villegas, que actuará na Fábrica de Sargadelos de Cervo. A continuación, na xornada do mércores 25, actuará Cuarteto Casals na Basílica de San Martiño de Foz. Para pechar a edición deste ano, a Orquestra Sinfónica de Galicia, acompañados por Dima Slobodeniouk, actuará o xoves 26 na Catedral de Mondoñedo.

Ademais da programación prevista, o Bal y Gay 2021 presentará dous concertos extraordinarios. O primeiro deles será do quinteto de metal Hercules Brass, que actuarán os días 22 e 23 en Barreiros e Vilanova de Lourenzá respectivamente. O segundo será a agrupación Puro Gerswin que actuará xunto coa cantante Sheila Blanco, o pianista Federico Lechner e o guitarrista Chema Sáiz o luns 22 en Foz. Ademais, tamén se realizarán concertos familiares con Cantoría os días 21 e 22 en San Cibrao, Ribadeo e Riotorto.

De xeito paralelo aos concertos, a organización do festival ten programados dous ciclos de conferencias: Encontros entre a música e a palabra, con invitados vencellados a música clásica e Descubrindo ás mulleres compositoras. Por último, haberá dous talleres en residencias da terceira idade de Foz e Ribadeo.

 

Imaxes relacionadas