Dez concellos de Pontevedra, Caldas e O Salnés poden beneficiarse das axudas da Xunta para abastecemento, saneamento e depuración para municipios de menos de 5.000 habitantes

O delegado territorial, Luis López, informa desta liña, que concederá ata 50.000€ por obras de subministro e outro tanto polas de saneamento, nunha visita ao Concello de Pontecesures xunto ao alcalde, Manuel Vidal

Da subvención, que pode solicitarse en réxime concorrencia competitiva ata o 25 de abril, poden beneficiarse municipios coma os de Barro, Campo Lameiro, A Lama, Catoira, Cuntis, Moraña, Portas, Pontecesures, Meis e A Illa de Arousa

Pontecesures, 14 de abril de 2021

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, ten aberta unha orde de axudas, dotada con 4 millóns de euros, para a execución de obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración que está destinada a concellos de menos de 5.000 habitantes, polo que dela poderán beneficiarse unha decena de municipios das bisbarras de Pontevedra, Caldas e O Salnés.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta liña de subvencións, financiada no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, nunha visita realizada ao Concello de Pontecesures co seu alcalde, Manuel Vidal, que lle transmitiu o seu interese pola mesma co obxectivo de poder modernizar estas prestacións para a cidadanía.

“Estamos comprometidos coa mellora dos servizos públicos, con especial interese nos municipios máis pequenos, que en ocasións teñen máis dificultades de financiamento, e por iso abrimos esta liña, da que poderán beneficiarse unha decena de municipios de Pontevedra, Caldas e O Salnés e que pode estender ou ampliar as redes dunha poboación potencial de máis de 35.500 veciños destas bisbarras”, detallou Luis López. Lembrou que o abastecemento e o saneamento “son competencias de carácter municipal, pero Augas de Galicia ten, entre as súas funcións, a adopción de medidas de apoio nesta materia para axudar aos concellos na mellor prestación destes servizos municipais”.

Estas subvencións, ás que se opta en réxime de concorrencia competitiva presentando a correspondente solicitude ata o vindeiro 25 de abril, poden beneficiar aos municipios de Barro, Campo Lameiro, A Lama, Catoira, Cuntis, Moraña, Portas, Pontecesures, Meis e A Illa de Arousa.

Os concellos interesados poderán presentar senllas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento orientada ao seu funcionamento óptimo e outra para saneamento ou depuración destinada á modernización e aumento da eficacia de instalacións existentes ou a construción de novas infraestruturas, polo que, chegado o caso, poderán recibir ata 100.000 euros de axudas.

A orde de axudas establece, como parámetros para a baremación das solicitudes, a poboación do municipio, primando aqueles con menos habitantes; a corresponsabilidade financeira, favorecendo aos que realicen algunha achega económica á execución da actuación; e o estado da tramitación do proxecto. No caso dos beneficiarios, deberán presentar a correspondente xustificación ata o 30 de novembro deste ano.

“Creo que se trata dunha gran oportunidade para os concellos menos poboados, xa que se subvencionarán alomenos 80 actuacións de abastecemento e saneamento en toda Galicia e creo que pode ser unha vía moi aproveitable polos 23 municipios da provincia de menos de 5.000 habitantes”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas