Galicia recibirá unha inxección de fondos ao PDR de 420 millóns de euros de gasto público total para executar ata o ano 2025

O importe incorporado procede da ampliación do prazo de execución do PDR Galicia e da incorporación dos fondos do Instrumento de Recuperación (EURI) destinados ao desenvolvemento rural

En total, a aportación de fondos deste programa no período 2016-2025 superará os 1.606 millóns de euros de gasto público total para a nosa comunidade

O grao de execución do PDR na nosa comunidade ascende ao 70%, é dicir, a preto de 10 puntos porcentuais por riba da medida dos programas de España
 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

O secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Nicolás Vázquez, presidiu esta mañá a reunión do Comité de Seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, onde adiantou que Galicia recibirá unha inxección de fondos a este programa de 420 millóns de euros de gasto público total para executar ata o ano 2025.

Así, o secretario xeral reuniu aos integrantes deste comité para examinar e aprobar a proposta da 6ª modificación do PDR de Galicia, antes de enviala á Comisión Europea. Esta modificación atende basicamente a dous motivos, por un lado a prórroga do programa para os anos 2021 e 2022 e a incorporación dos fondos do Instrumento de Recuperación (EURI).

Neste senso, cabe sinalar que dita prórroga permitirá ampliar o prazo de execución do PDR ata o ano 2025, e dotará aos anos 2021 e 2022 de axudas para o desenvolvemento rural de 343,1 millóns de euros, repartido en 188,6 para a convocatoria de 2021 e 154,5 para a de 2022. Este orzamento está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader) e o resto mediante fondos do Goberno central e galego.

Doutra banda, tamén se incorporarán os fondos do Instrumento de Recuperación (EURI) para apoiar a recuperación trala crise da covid-19, tal e como estableceu o Parlamento e Consello europeo. Neste senso, incorporaranse ao PDR outros 76,9 millóns de euros, cunha participación da Unión Europea do 100%.

Deste xeito, Galicia terá para os vindeiros anos de transición (2021 e 2022) un total de 420 millóns de euros adicionais que, sumados ao resto de fondos do período, supoñen para a nosa comunidade un montante de 1.606 millóns de euros de gasto público entre os anos 2016 e 2025.

Grao de execución do período

Cabe sinalar que os pagos realizados ata finais do ano 2020 a través de actuacións financiadas co PDR alcanza o 70% de execución na nosa Comunidade, é dicir, a execución financeira do PDR de Galicia estaba un punto porcentual por riba da media de programas europeos e preto de 10 puntos porcentuais por riba da medida dos programas de España. Estas cifras evidencian o grao de compromiso por parte do Goberno galego.

Ademais, a día de hoxe practicamente o total do importe programado no PDR 2014-2020 está comprometido en actuacións que se pagarán nos anos 2021 e 2022, logo da execución por parte dos beneficiarios dos proxectos que se están a financiar.
 

Imaxes relacionadas