A Xunta inicia as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada AC-552 en Arteixo, nas que investirá máis de 2 millóns de euros

A intervención, cun prazo de 12 meses, acometerase entre o enlace coa AG-55 e o acceso á presa de Meicende, executando 2 glorietas para aumentar a seguridade

Construirase unha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e desde a estación de servizo

Completarase e mellorarase a saída da vía de servizo existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55
 

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de mellora da seguridade viaria no treito de concentración de accidentes da estrada autonómica AC-552, en Arteixo, que suporán un investimento autonómico de máis de 2 millóns de euros.

Nos primeiros días disporase a sinalización de obra, incluíndo as sinais horizontais que anularán o terceiro carril no ámbito de actuación. Así, na xornada de hoxe colocaranse os sinais e mañá realizaranse traballos de roza e pola noite procederase ao pintado.

A intervención, que foi adxudicada á empresa Arias Infraestructuras S.A. e terá un prazo de execución de 12 meses, enmárcase na estratexia da Xunta para a eliminación de treitos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica.

Os traballos nesta estrada autonómica comprenden o tramo da vía desde o punto quilométrico 2+100, despois da glorieta de enlace coa autoestrada AG-55, ata a vía de acceso á presa de Meicende, no punto quilométrico 3.

A estrada AC-552 ten un tráfico elevado e percorre unha zona industrial, con numerosas naves, unha estación de servizo e canteiras. Para mellorar a seguridade do tramo prevese a execución de dúas glorietas nos puntos quilométricos 2+500 e 2+890, nas que se realizarán os xiros. A segunda glorieta servirá, ademais, para calmar o tráfico en sentido A Coruña, tras o tramo de forte pendente descendente anterior.

O proxecto tamén prevé a execución dunha vía de servizo na marxe dereita, sentido Fisterra, para evitar as incorporacións directas á estrada desde as naves e a estación de servizo existente.

Ademais completarase e mellorarase a saída da vía de servizo actualmente existente na marxe esquerda, sentido A Coruña, no acceso á glorieta de intersección coa AG-55.

Os traballos inclúen a sinalización, drenaxe, iluminación e a reposición dos servizos afectados.